Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Financiamento

O Porto Exterior da Coruña custará 283 millóns máis

O presidente da autoridade portuaria pide implicación dos poderes públicos, e desbota o investimento privado.

Redacción - 12:00 17/09/2009

O porto exterior da Coruña custará, cando menos, 283 millóns de euros máis. O presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Rodríguez Losada, cifrou nesa cantidade o financiamento adicional necesario para rematar as obras das instalacións de Punta Lagosteira e reclamoulles ás autoridades "que pasen das palabras aos feitos".

O proxecto fora adxudicado no ano 2004 en 370 millóns de euros, mais o seu custo disparouse até 789 millóns, segundo un informe presentado por Rodríguez Losada perante o consello de administración da Autoridade Portuaria.

A obra, segundo explicou Losada, dispón de financiamento por 468 millóns de euros, parte del procedente da Unión europea, mais as proxeccións incorporadas ao plan de viabilidade amosan que se precisan 283 millóns máis, "dos que 57 millóns se necesitan para asegurar os pagamentos a mediados de 2010". Para acadalo, dixo, "é preciso que as administracións pasen das palabras aos feitos".

Admitiu que ao Ministerio de Fomento "non lle parece factíbel" obter máis axudas da Unión Europea, e descartou por completo o financiamento privado, porque "non existen precedentes" no Estado Español no caso de infraestruturas portuarias públicas.

No que se refire á marcha das obras, dixo que van "segundo o ritmo previsto". O dique de abrigo estará rematado "en setembro de 2011" e o contradique en 2014. O porto exterior podería comezar a recibir buques a partir de 2012 con mercadorías como a soia, aínda que para outro tipo de descargas precisaría "ferrocarril".

A tres pasos doutro porto
En calquera caso, nun momento en que se fala de optimizar as infraestruturas do país, como é o caso dos aeroportos, un investimento de tal calibre nunha instalación portuaria pode ter difícil xustificación: o outro porto exterior, o de Ferrol, está a menos de 18 de quilómetros por mar de Punta Lagosteira.


4,1/5 (10 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: