Desde a CIG criticaban este luns a "falta clamorosa e grave de todo tipo de medidas de seguridade e a nula atención que se presta á virulencia do mar nunha zona de alto risco como é Punta Langosteira". Os sindicatos coinciden na gravidade dunha situación que xa tivo outro episodio con resultado de morte hai poucos meses e piden a paralización das obras do porto exterior "mentres non se garantan medidas de seguridade". Desde a Autoridade Portuaria aseguran que a morte do traballador arrastrado por unha onda, outro está aínda desaparecido, foi debida a "un golpe de mar imprevisíbel".
"Cantas máis mortes ten que haber para que os culpábeis asuman a súa responsabilidade?", preguntábase este luns Paulo Carril, secretario comarcal da CIG na Coruña, "Cantos máis atentados aos dereitos dos traballadores temos que aturar?". Diante deste accidente, a CIG pide "a inmediata actuación da Inspección de Traballo e do Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza" e anuncia que lles fará chegar as correspondentes denuncias. Á beira, demandan tamén "o procesamento xudicial dos responsábeis da Unión Temporal de Empresas Langosterira.
Opinan desde a CIG que se trata "dos mesmos culpábeis do accidente mortal do mes de xullo de 2005". Daquela, en xullo de 2005, outro accidente laboral custoulle a vida a Manuel Martínez Alvarellos. A Confederación Intersindical Galega subliña que "a Autoridade Portuaria é a titular da obra, pero vemos como segue infravalorando as vidas humanas, porque en caso contrario tería esixido máis medidas de seguridade e tería feito un seguimento do Plan de seguridade destas obras".
Lembrámoslles que os servizos de rescate recuperaron con vida este luns a Esteban Estebo, de 33 anos, quen logo faleceu no hospital da Coruña. Mentres, aínda non se atopou o corpo de Xosé Furelos, de 54 anos, arrastrado pola mesma onda.