Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
XUNTANZA DE VÁZQUEZ E TOURIÑO COA MINISTRA EN MADRID

A Autoridade Portuaria di que Fomento deulle a beizón definitiva ao porto exterior

"Por primeira vez non se discute a viabilidade técnica do proxecto". Logo de analizar os proxectos técnicos, o ministerio de Fomento tería retirado as advertencias sobre a obra do porto exterior coruñés, segundo lle achegou o presidente da Autoridade Portuaria, Guillermo Grandío, ao conselleiro de Política Territorial. Ao tempo, no día anterior á visita que xunto co secretario xeral do PSdeG realizará a Madrid, o alcalde da Coruña recoñeceu a posibilidade de modificar a planificación urbanística para os terreos dos actuais peiraos.

- 09:15 08/09/2004
Tags:

Da xuntanza coa autoridade portuaria coruñesa, o conselleiro Núñez Feijoó tamén avanzou este martes a posibilidade de que a execución das obras poida reducirse en un ou ata dous anos. Así, o novo porto coruñés podería estar listo no 2010. Nos próximos días, a consellería enviaralle a Fomento esquema de traballos adaptada aos novos prazos, en función dos proxectos presentados polas empresas que optaron ao concurso. Asimesmo, dende o ministerio aseguran que os novos estudios que sobre esta infraestructura se están realizando teñen que ver coas operacións de entrada aos futuros peiraos e non tratan de cuestionar a viabilidade senón maximizar as garantías de seguridade.

A posibilidade de reducir os prazos de execución ten importancia tamén polas cancelas para o financiamento europeo deica o ano 2011. Xa que logo, dende a Xunta proxectan dispoñer dos 280 millóns solicitados á UE ata o 2008 e financiar o tramo final da obra coas outras dúas fontes económicas: as da propia autoridade portuaria e as chegadas da recalificación dos terreos do vello porto.

Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, mantiveron unha reunión este martes para a preparación da entrevista que este mércores teñen en Madrid con Magdalena Álvarez, ministra de Fomento. Vázquez avanzou que "non hai problema" en acceder á petición xa realizada dende o ministerio para ampliar o número de vivendas de protección oficial edificadas nos terreos do porto actual. O alcalde tamén insistiu na necesidade de asinar a autorización para expropiar as propiedades onde se construirá o novo porto. Segundo Vázquez é urxente axilizar estes trámites para cumprir os prazos deseñados.


0/5 (0 votos)