A finais de marzo o Parlamento aprobou por unanimidade unha proposta non de lei para o apoio das reclamacións dos afectados pola construción do porto exterior da Coruña. Levada ao concello da Coruña, os socialistas locais, agora con Javier Losada á fronte, votaron en contra da iniciativa. Desde a CIG critican tamén que o novo alcalde se negue a recibir aos afectados e acúsano de manter "as mesmas prácticas e formas que Paco Vázquez".
PPdeG, PSdeG e BNG votaran no Parlamento a prol da iniciativa que instaba ao goberno español e á Autoridade Portuaria da Coruña a pagar de xeito urxdente "as correspondentes indemnizacións e dentro do prazo que ten establecido legalmente a Autoridade Portuaria para o mesmo: maio 2006". A proposta inclúe tamén que a consellaría de Pesca lle remita á Autoridade Portuaria de forma urxente un informe "de valoración de danos, pactado cos afectados na pesca de baixura, percebe, ourizo, poliquetos e algas".
Porén, desde o Colectivo de Afectados polas Obras do Porto Exterior láianse dos "pobres resultados das negociacións mantidas até o de agora coas distintas administracións", e seguen insistindo en que se lles dea resposta ás demandas: "indemnizacións polas perdas e alternativas para poder seguir traballando". Especialmente, denuncian a actitude do novo alcalde da Coruña, Javier Losada: "Non lle chegaba con ser despreciativo, negándose a recibir ao colectivo de afectados, senón que mesmo votou en contra da iniciativa presentada polo BNG", critica Paulo Carril, secretario comarcal da CIG-Coruña e voceiro do colectivo de afectados. Carril lembra a "esquizofrénica actitude" dos socialistas da cidade herculina , que votaron en contra da propia iniciativa que o seu partido apoiara no Parlamento, petición que por certo foi aceptada pola unanimidade de todos os grupos municipais no veciño concello de Arteixo.