Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
As contas do Estado para o ano próximo

O tren ao porto exterior ferrolán e a ampliación de Lavacolla fóra dos orzamentos

O eixo atlántico ferroviario, incluída a liña até Portugal, entre os proxectos que non avalan os orzamentos presentados polo goberno español.

Redacción - 09:00 01/10/2008

A galería de incumprimentos orzamentarios con Ferrolterra suma esta semana un novo episodio ao confirmarse que o goberno español renuncia unha vez máis a fornecer o porto exterior ferrolán das infraestruturas necesarias para que poida funcionar con todas as garantías como unha das obras clave que a comarca precisa. Malia o consenso dos axentes socio-económicos e das formacións políticas da comarca, o executivo estatal desatende unha vez máis a reclamación dun acceso ferroviario para o peirao de Caneliñas. En contraste, xusto enfronte, o porto exterior de Punta Langosteira, na Coruña, si recibirá unha das maiores inxeccións económicas dos orzamentos para Galiza, un total de 129 millóns de euros.

Outro burato importante aparece no que respecta á proxectada ampliación do aeroporto compostelán de Lavacolla. Malia que 2010, coincidindo co ano Xacobeo, era a data prevista para finalizar as obras, os novos números que impón Madrid adiarían a obra até 2012. A capital do país tamén ve ademais reducido o investimento do goberno español no Consorcio da cidade, que se reduce de 12 a 6 millóns de euros e contempla como o Gaiás recibe apenas. en comparación co volume da obra, unha cantidade simbólica de 100 mil euros. Ao sur, a liña ferroviaria até Portugal non sae tampouco ben parada, ao recibir apenas 500 mil euros.

O TAV chegará en 2020, agoira o PP
Á luz das contas, o coordinador dos deputados galegos do PP no Congreso, o ourensán Celso Delgado, citaba as partidas "simbólicas" consignadas para os corredores do tren de alta velocidade (TAV) nas cidades galegas. Segundo Delgado, eses números son evidencia de que "a vontade é non executar esas obras".

Os populares din alegrarse de que por fin haxa consignados 250 millóns de euros para o traxecto do TAV Lubián-Ourense, unha reivindicación pola que recordan que levan "anos pelexando". Con todo, temen que se trate dunha cantidade inflada porque no tramo da provincia de Zamora, no que xa están as obras a executarse e polo tanto sería necesaria unha inversión maior, só hai unha cantidade sensiblemente inferior. O PPdeG espera que eses 250 millóns, que malia todo só implican o 15% do custo total da obra, supoñan dunha vez por todas que haxa licitacións no ano 2009.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: