A Autoridade Portuaria recoñeceu os prexuízos que causan os traballos e entregará unha indemnización para rexenerar a zona.
Os mariscadores afectados polas obras de construción do Porto Exterior da Coruña, en Punta Lagosteira, levan dous anos de mobilizacións e negociacións para conseguir que a Autoridade Portuaria recoñeza o dano provocado nos bancos marisqueiros do lugar. Agora, nun acordo que aínda ten que definir os seus detalles, a Autoridade Portuaria comprometeuse a indemnizar con 4,5 millóns de euros aos afectados, uns cartos que servirán para rexenerar a zona, co obxectivo principal de "asegurar que non se verá afectada a reprodución das especies", segundo a Consellaría de Pesca.
Paulo Carril, representante da CIG e voceiro dos afectados, cualificou de "éxito" o acordo acadado xa que, malia que os seus detalles están aínda por definir, resulta moi importante que a Autoridade Portuaria lles "recoñeza aos afectados o dereito a cobrar unha indemnización". A cifra acordada é, segundo Carril "un fondo mínimo", que mesmo podería aumentar nas negociacións. Nos vindeiros días continuarán as conversas para decidir todos os aspectos do acordo.