O conselleiro de Industria di que a planta non irá "a ningún sitio onde non teña boa receptividade" e fala de varias localidades "interesadas".
O alcalde de Ferrol, o socialista Vicente Irisarri, comentou ao respecto do posíbel traslado ao porto exterior ferrolán da planta que ENCE ten en Pontevedra, que se trata dunha iniciativa que "a ninguén nos seus cabais se lle ocorrería". Irisarri cualificou de "absurda" a especulación, e explicou que a actividade portuaria e o negocio marítimo fan descartar esa posibilidade. "Os portos non son polígonos industriais onde poñer macroindustrias como sería Ence", dixo o alcalde de Ferrol, "nin ao porto da Coruña nin ao porto de Ferrol lles interesa que unha industria desa magnitude se instale ao bordo do mar"
De paso, Irisarri deu por feito que As Pontes será finalmente a localización escollida e destacou ademais que será un proxecto que "beneficiará" a comarca ferrolá. "Cumpre case todas as condicións", opinou o rexedor, cualificando de "magnífica alternativa" esa opción.
Por outro lado, a deputada coruñesa e responsábel das áreas de Economía, Facenda e Planificación do Concello da Coruña, Carme Marón, descartou tamén que o porto exterior da Coruña poida ser opción para a planta de Ence. "O obxectivo do peirao exterior é o de impulsar da actividade económica xerada polo tráfico marítimo, promover a introdución de novas empresas, xerar emprego na provincia e converterse nunha grande plataforma loxística, non para acoller actividades contaminantes para o litoral e molestas para os cidadáns como é o caso da industria da celulosa", explicou Marón.
Blanco chama á Coruña e Ferrol a "non preocuparse"
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, comentou que "non debe haber preocupación" no contorno da Coruña e de Ferrol, e dixo estar seguro de que finalmente se escollerá "a alternativa máis viábel". Asegurou que a solución contará con todas as garantías "ambientais e de desenvolvemento sustentábel".
Blanco dixo ter confianza no plan industrial presentado por un grupo de empresarios galegos, e aínda sen mencionar cal podería ser a localización final, asegurou que varios concellos xa expresaron a súa receptividade cara a acoller a planta de Ence.
Por outra banda, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou que comparecerá a semana próxima no pleno da Cámara para dar conta das xestións que está a realizar a Xunta "para cumprir o seu compromiso de levar a Ence-Elnosa fóra da Ría de Pontevedra antes de 2018, cando expira a súa licenza".