Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Outro 25 de xullo. Pero distinto

09:30 25/07/2009

Pouco falta para que se cumpran os 100 primeiros días de goberno na Xunta, do Partido Popular. Prácticamente, durante este período, estivo máis ocupado en desfacer algunhas das políticas realizadas polo bipartito e en criticar a súa xestión que en gobernar. Ao contrario que o bipartito non perde día en informar do mal que o fixo o anterior goberno, no sentido de presentar moitas das súas actuacións como irregulares, opacas, malgastadoras, cando non inmorais. Nin sequera perdeu o tempo en presentar algunhas medidas efectistas. Mostrou algunhas intencións pero haberá que ver ata que punto as concreta e como as regula.

Polo demais, limitouse, coa propaganda apropiada ao caso, a realizacións como os acordos de financiamento autonómico e o do AVE, que, en realidade, responden á axenda marcada polo Goberno de España, ou, tamén, a súa intervención na resolución do conflito do leite, no que era un protagonista máis xunto ao ministerio do ramo. Unhas e outras, actuacións reactivas. 

  Pola súa parte a oposición, PSOE e BNG, non saíron aínda da frustración que supuxo a derrota electoral e dedicáronse a resolver o problema do control interno da organización, antes que levar a cabo unha reflexión e análise da derrota e elaborar unha nova estratexia política. Máis alá dos matices, a política levada a cabo por ambos os dous, foi tamén reactiva. 

  No contexto dunha crise económica e social, pola que senten ameazados todos (PP, PSOE e BNG), goberno e oposición, permanecen atrapados nos seus discursos baleiros, mentres os grandes problemas de Galicia que levan anos sin resolverse, agrávanse nunha contenda política absorbida polo presente. Sen iniciativas. 

  Ogallá, eses grupos que se están a crear en forma de fundacións para a creación de ideas (imitando os think tank anglosaxóns) teñan éxito, aínda que, das entrevistas realizadas a algún membro significativo dunha delas no diario Xornal de Galicia, parece desprenderse unha explicación da derrota autocompracente e autoxustificativa. Non incita a ser moi optimistas. 

  Entrementres, hoxe 25 de xullo, repetiranse os mesmos rituais de todos os anos. Pero a situación cambiou substancialmente en relación ao ano anterior. O PP quererá facer crer a moitos que é un partido galeguista, o PSdeG-PSOE estará a pensar nas eleccións aos órganos provinciais que ten pendentes pasado o verán. E o BNG recordará a grandeza da manifestación do 25 de xullo de 2008.

4,58/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións