Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Aguiño: Contra Goliath

11:31 29/10/2007

Aguiño é un dos moitos lugares fermosos que temos na nosa costa, roza o Parque Natural de Corrubedo e ten unha paisaxe pouco corrente en Galicia. Se un se sitúa na parte costeira que vai do peirao a Punta Couso, sorprenderase ao atopar unha paisaxe de arrecifes, coa Illa de Salvora, a uns poucos centos de metros, que parece transportarnos a outras latitudes.

É xusto nese espazo onde esta previsto situar a macrodepudradora á que os veciños e a Asociación Sagres se opoñen (co apoio de ADEGA e ADENA) . Veciños que, no seu día, se mobilizaron para frear a marea negra do Prestige que, xunto cos mariñeiros do Grove e dos demais pobos pesqueiros da Ría de Arousa, levounos a construír aquela barrrera, cos seus barcos e apeiros, que simbolizou a acción decidida da cidadania fronte á ineficacia da Administración e cuxas imaxes foron difundidas por algunhas televisións.

Agora, a Consellería de Medio Ambiente, en Penisqueira, xunto a Punta Couso,-zona que fora protexida polo Ministerio de Medio Ambiente para reducir o impacto do chapapote- decide construír a EDAR. Xusto a uns poucos centos de metros onde o Ministerio de Medio Ambiente acaba de mercar a Illa de Salvora.

Un agasallo envelenado? do alcalde do PP
Os veciños están a favor da depuración das augas residuais (Depurar si, pero non así), pero queren minimizar o seu impacto (defenden outro modelo de pequenas depuradoras) e cuestionan o lugar escollido. As principais razóns pola que se decide esa localización, das catro que propón o “Anexo nº 3: Estudo de Alternativas” (pódese baixar de internet e é de 5 folios), é que os terreos son municipais e non necesitan expropiarse e, ademais, non se prevé rexeitamento social; nas outras alternativas, si, segundo fan constar na memoria. Nin unha soa palabra sobre efectos ambientais, en ningunha das alternativas; unicamente a referencia aos malos cheiros que poida producir.

Os terreos, proponos e cédeos o Concello, gobernado polo PP e a Consellería de Medio Ambiente dá o visto e prace, sen entrar noutras cuestións. Fai uns días, despoís de varios meses de espera, e da mobilización dos veciños de Aguiño e da Asociación Sagres – á que non convidaron a asistir nin como testemuña- o conselleiro reuniuse cos representantes dos partidos políticos no Concello e concedeu un prazo ao alcalde para que propoña outro lugar alternativo.

Excepcional valor ambiental
O lugar no que se pretende situar é de excepcional valor ambiental, a 250 metros de zona declarada de Interese Comunitario en 1997, a 500 metros do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Está previsto que sexa declarada (pendente de firma, nada máis), polo Convenio de Protección do Atlántico Nordeste, en “Área Mariña Protexida”; os arrecifes rochosos mergullados son de interese comunitario; non respecta os límites legais de distancia mínima de 2000 metros a núcleos habitados de poboación; o emisario, de só 250 metros- dentro dunha enseada- verterá as augas (industriais e urbanas, que deberían ir separadas) en profundidades de tan só 4 metros, e non leva a augas profundas, nunha importante zona de bancos marisqueiros e pesqueiros, de percebe, polbo e sementes para as bateas de toda a ría.

Estamos perante dunha das zonas de maior valor mediambiental de Galicia, as Illas Atlánticas e o Parque Natural de Corrubedo, nas que xunto ca prevista macrodepuradora se quere cercar con duas piscifactorias. A consellería ten elaborado un anteproxecto para esixir ás instalacións industriais e ás infraestruturas que se vaian proxectar no futuro un informe de impacto sobre a contorna para evitar que afecten a especies endémicas ou poñan en perigro zonas de especial valor natural á vez que considera imprescindible contar coa participación cidadán.

Para que tanta retórica, se nunha das zonas de Galicia que conta con máis figuras de protección medioambiental, a consellería, para a instalación dá EDAR (de preto de 100€ de custo), non cre necesario realizar unha Avaliación de Impacto Medioambiental nin Avaliación Estrátexica de Sostenibilidade como piden a Asociación Sagres, ADEGA e ADENA.? Que modelos de depuradoras quere implantar no territorio?. Dá igual, cal sexa o territorio?.

É a súa obriga crear as infraestruturas e os equipamentos necesarios para procurar o saneamento da ría pero é, tamén, a súa obriga, facelo compatible coa preservación das zonas de interese ambiental. Por que non intentar facer as cosas ben, agora, que se pode?. Haberá que esperar a que a fagan e despois convertela noutra REGANOSA?

4,46/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións