Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

¡ Políticos que se corrompen a si mesmos!

18:03 04/11/2009

De cando en vez a corrupción política adquire protagonismo mediático. Emerxe como fenómeno puntual nalgúns momentos para adquirir noutros síntomas víricos como dunha enfermidade estendida a un grupo social, á denominada "clase política", como sucede ultimamente co caso Gürtell e outros que os medios de comunicación están estes días a ventilar.

Escándalos de corrupción apareceron en moitos países dos nosos arredores e afectaron a partidos de todas as cores políticas. Aquí están asociados, a grande maioría deles, á especulación inmobiliaria; alcaldes, concelleiros, deputados, dirixentes, etc, dos grandes partidos e, tamén dos pequenos, están imputados en causas de orixe corrupta.

Non se trata xa, como sucede a miúdo, de especulacións sobre o comportamento impropio de moitos políticos que circulan en moitas vilas ou cidades, especulacións, creadas en ocasións para destruír a reputación do adversario, aínda que moitas outras veces, con indicios tan palpables segundo o “run run” cotián, que sorprende que a xustiza mostre tal xordeira e se vaian minando as bases da confianza nas institucións públicas, coa súa inactividade clamorosa, e á vez, como efecto boomerang, poñendo en entredito o seu propio papel e acrecentando a percepción de conivencia con aqueles. Como  viña a dicir Xabier Cordal nun artigo en Vieiros, como explicar que en tantos anos, os cidadáns/ás galegos/as envorcaran as súas sospeitas a case todos os ámbitos da xeografía galega e xusto a xustiza actúe alí onde ninguén miraba, en Castro de Rei. ¡¡Que equivocados estabamos!!.

Cando apareceron casos de corrupción política os partidos políticos, en xeral, transmitíronnos a idea de que se trata de "casos illados", hoxe, mesmo, insostible para eles. O descrédito da política veu gañando espazo dende hai xa anos pero non porque a xustiza desvele casos de corrupción; pola contra, a impunidade nos actos corruptos contribúe a ese descrédito.

A política como medio para o beneficio persoal
A medida que as ideas neoliberais van penetrando toda a arquitectura social, como di Colin Crouch, a idea de servizo público ridiculizouse e contestouse con cinismo coa mesma intensidade que "a busca do beneficio persoal foi elevada á categoría de obxectivo supremo humano". E a política foise convertendo nun medio máis, para moitos, para acadar ese obxectivo.

As estruturas orgánicas dos partidos, coas súas tendencias oligárquicas e a falta de democracia interna - mesmo as votacións nos procesos electorais se producen con máis garantías democráticas que os procesos de eleccións internas da grande maioría dos partidos políticos- permiten que contaxiado co virus este permaneza no seu interior estendendo a enfermidade.  A consecuencia desas estruturas e do propio sistema electoral, o Parlamento, como sinalaba Ignacio Sotelo (El País, 29 de outubro de 2009), non permite unha actuación individual responsable, salvo que non aspire a revalidar o seu mandato.

Contraofensiva
A contraofensiva que o PP e o PSOE están a preparar para superar este descrédito ten pouco alcance e puidese ser que se trate só de conseguir oportunistamente algúns obxectivos que cada un deles vén perseguindo: así, entre outras propostas, o PP propón que goberne a lista máis votada e o PSOE incorporar nunha reforma da lei electoral un pacto antitransfuguismo (atar máis aos xa de por se atados deputados e concelleiros).  Propoñen algunhas cousas dende logo máis importantes e que haberá que ver pero incluír esas dúas parece unha broma. E, por suposto, deberían participar o resto dos partidos e promover un debate xeral.

Aínda así todo isto deixa fóra unha cuestión fundamental: É que se corromperon a eles mesmos, ou participaron outras persoas cuxa actividade non é a política. Quen se beneficiou en cada caso? Ou é que perseguir o beneficio propio, ou da empresa ou institución, do tipo que sexa, co método que sexa, neste caso, corrompendo, non se penaliza. Quen son?. Onde están?. Algúns, poucos, saíron á luz pública. A maioría permanecen anónimos.

4,9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións