Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

De enquisas

10:10 31/01/2009

En períodos electorais e preelectorais aumentan as enquísas de intención de voto e non hai medio de comunicación que se prece que non nos faga partícipe dalgunha. A súa función manifesta é a de proporcionarnos información útil para decidir o noso voto na idea de que se ben unha parte do electorado decide o voto en función da "fidelidade" a un partido, outra parte do electorado desenvolve comportamentos estratéxicos ao votar, por exemplo, cando quere emitir un voto de castigo ou votar a candidatos con máis posibilidades de obter a vitoria. De aquí que subxace outra función, latexante, que é a de orientar o voto.

Por ese motivo distingo a grandes trazos dous tipos de sondaxes: os internos que realiza cada partido para obter información que lles serve para elaborar a súa estratexia electoral. Normalmente, adoitan ter unha mostra ampla e unha marxe de erro baixo e depende do bo facer do profesional ou da empresa. Como en moitas outras cousas dependerá da confianza que deposite o cliente -partido- na empresa que elixe e, como en todos os ámbitos profesionais,  unhas gozan de máis prestixio que outras. Ocorre, ás veces, que os resultados destas enquisas se filtran á prensa, sen que se nos dea ningunha pista nin sobre a ficha técnica nin a empresa que a realizou e por suposto, omitindo outra información que poida servir para valorar ese datos.

Orientar o voto

O outro tipo de sondaxes frecuentes nestas datas son aqueles dos que informan profusamente os medios de comunicación. Poden estar peor ou mellor realizados pero a información que recibimos, para ter unha valoración, no mellor dos casos, é incompleta, aínda que a miúdo enchan páxinas enteiras. Unha grande maioría delas carecen de ficha técnica, mesmo en período electoral, cando, con todo, a Lei Xeral de Réxime Electoral, establece a súa obrigatoriedade. Mesmo recriminando a devandita deficiencia, -en anteriores eleccións- ante a Xunta Electoral, algún medio respondeu que eles non publicaron unha enquisa senón só información. A pesar de que se vai corrixindo, son conscientes do efecto que os grandes titulares que empregan teñen sobre os electores e do escaso número deles que valoran a súa calidade.

Un exemplo frecuente nestes días: establecer o número de escanos que vai obter cada partido cunha mostra cunha marxe de erro baixo para o conxunto de Galicia, sen informar que a marxe de erro para cada provincia - que é a circunscrición electoral e é nese ámbito onde se produce a distribución de escanos- é superior ao 5% que, como pode comprobar o que o desexe, en calquera manual dirá que non é significativo estatisticamente e, polo tanto, a atribución de escanos a nivel provincial, carece de valor.

Outro exemplo a outro nivel: estes días están a circular polos medios datos de dúas enquisas que utilizan comentaristas e chegan aos titulares: unha que nos di que "Zapatero triunfa” en "Teño unha pregunta para vostede" coa única información de que a mostra é de ¡339! entrevistas. Outra, que extrae conclusións sobre o comportamento sexual dos galegos, vascos, canarios, andaluces, etc, cunha mostra total no Estado de pouco máis de 1000 entrevistas.

Ollo, pois, cas enquisas cando o río anda revolto.

4,65/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións