Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Eleccións a reitor na UDC

09:50 30/11/2007

A Universidade está inmersa nun proceso de cambio, obrigada, como moitas outras institucións, polas trasformacións que se están a producir a nivel global.

A filosofía e as directrices veñen sinaladas polo proceso de converxencia europea -os acordos de Boloña, que, entre outras cuestións, vai facer depender ás universidades da súa capacidade para atraer financiamento do ámbito privado. A urxencia dos prazos para acometer algúns dos cambios que se impoñen levou a que, na grande maioría das universidades, apenas se discutira sobre iso, a pesar da transcendencia que ten para o futuro, non só da propia universidade, senón da sociedade.

O próximo día 4 de decembro vanse celebrar eleccións a reitor na Universidade de A Coruña, e preséntase José María Barja á reelección, que no caso de que sexa elixido será o seu segundo e último mandato, pois así se estableceu nos estatutos por iniciativa do propio actual reitor. O seu opoñente e contrincante é o profesor Jorge Teijeiro, persoa de grande prestixio académico e profesional e actual decano da Facultade de Ciencias da Saúde.

Dous modelos de Universidade
Representan, Barja e Teijeiro, dous modelos diferentes de entender a Universidade, aínda dentro do contexto do proceso de converxencia no novo espazo europeo de educación. Se empregamos para definir as súas posicións coordenadas de esquerda-dereita, Barja inscríbese nun modelo máis de esquerdas e Teijeiro nun modelo máis de dereitas. Neste mesmo sentido, Barja representa unha pluralidade de concepcións e visións próximas ás que están representadas no goberno da actual Xunta, e Teijeiro, á oposición parlamentaria.

O modelo que defende continuar aplicando, o actual reitor, é o dunha "universidade pública, galega, aberta e transparente", comprometida, pois, coa realidade social de Galicia, co desenvolvemento sostible, cas políticas de igualdade de xénero, defendendo a nosa propia identidade e cun financiamento cuxo principal peso non recaia sobre as familias, de forma que se poida evitar a discriminación por razóns económicas familiares. (Por este motivo a UDC opúxose á suba de taxas.). Haberá de facer esforzos para que todos os alumnos/ás que o requiran poidan acceder aos distintos graos e niveis que oferte a universidade.

Esixe,ademais, diálogo permanente, por un lado, entre os distintos grupos e intereses dentro da universidade e por outro, coa contorna social. A aplicación deste modelo non pode facerse solo dende arriba esixe o compromiso de toda a comunidade universitaria, e en particular, dos propios estudantes, mediante a súa participación activa e critica.

Realizacións e proxectos
No seu primeiro mandato deu algúns pasos importantes, algúns destinadas aos estudantes: aumento da representación dos estudantes, regulamento de asociacións estudantís, Carta de dereitos e deberes dos usuarios, implantación de nova plataforma de xestión académica xescampus; iniciouse a transformación da biblioteca cara a un novo concepto coa implantación do xestor bibliográfico RefWorks, proxecto de nova plataforma de teleformación (Moodle), etc. Outros, aínda que non unicamente, van dirixidos fundamentalmente a estudantes, como a creación dunha área residencial con 315 unidades residenciais e 700 prazas de aluguer, dentro do proxecto Campus Center: unha estrutura multifuncional que ha de facilitar a integración racional dos campus na cidade: áreas residenciais, intermodalidade, servizos culturais e cívicos, equipamentos deportivos, libraría universitaria, etc.

Algúns deses proxectos finalizarán no próximo mandato, outros previstos poranse en marcha nese período como o Parque Tecnolóxico (2010-11) que desenvolverá empresas con base tecnolóxica e ofrecerá saídas profesionais aos doutores e doutoras, e contará, ademais, cun Centro de Innovación Tecnolóxica, de carácter multidisciplinar.

O desenvolvemento das Tecnoloxías de Información e a Comunicación é e será un dos eixes centrais de actuación, coa súa aplicación ao proceso de aprendizaxe, o apoio a redes sociais, como os cadernos de bitácora, planetas, etc, o acceso á compra, empréstito ou arrendamento de equipos informáticos, o emprego de software libre, servizos de comunicación mediante telefonía baseada en IP, redes privadas virtuais, acceso remoto, conexión CWDM, ampliación da cobertura de redes WIFI, etc.

Estas son algunhas das accións que se foron realizando e outras son propostas do seu programa para estes próximos anos. Seguramente, como acontece case sempre, hai cousas que poderían desenvolver mellor e outras que terán corrixir, pero en calquera caso, defender este modelo de universidade e avanzar en realizacións concretas e proxectos interesantes non será posible se non nos implicamos todos e se deixamos pasar as oportunidades. Se permanecemos pasivos e miramos para outro lado, outros tomarán as decisións por nós.

4,45/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións