Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

E despois da prestación por desemprego, ¿que?

17:25 24/11/2008

Testuda é a realidade. Tal que día a día os datos que nos proporcionan as axencias públicas non poden disimular o alcance que ten a crise económica que moitos se empeñaron en relativizar. Xa se admite que estamos en "recesión". Pero son moitas as voces que falan de "depresión". Aínda que as causas sexan diferentes á crise do 29, compárase, en canto a profundidade, con ela.

Inxectouse no sistema financeiro unha cantidade de diñeiro como nunca se fixo. Diñeiro que ata entón non existía e por iso durante décadas, dende os 70, se xustificou o recorte de programas sociais e na disminución da protección social. Recordemos que un dos argumentos para deixar aos 47 millóns de norteamericanos que carecen de seguro sanitario público ou privado á súa sorte era o enorme custo que supoñía a reforma sanitaria que xa veremos se se leva a cabo en EE.UU co novo goberno de Obama e que alcance ten.

O contaxio da esquerda polo neoliberalismo
O neoliberalismo como ideoloxía tivo unha enorme influencia, tanta que ata moitos gobernos socialdemócratas ou socialistas, en moitos países, non só implantaron políticas similares aos gobernos de dereitas senón que abrazaron estilos de vida similares aos dos grandes executivos de empresas privadas, aínda que financiándose con fondos públicos, á vez que facían- e seguen facendo- da privatización e do modelo de xestión privada a panacea. Pero rara vez figuraba nos programas electorais que se enchen cada vez máis con retórica (promoveremos, incrementaremos, favoreceremos, etc) e poucos obxectivos concretos, cando non prometen o contrario do que despois fan, iso si, culpando os seus propios votantes, noutras palabras, á sociedade (unha forma de xustificar os seus incumprimentos). Compromisos líquidos cos seus votantes, diría Bauman.

Ningunha das medidas adoptadas aplacou ao sistema financeiro - pode que aprazara a quebra ou acaso a evitase-, pero as reestruturacións de empresas, o peche de outras moitas, o aumento do paro, esténdese. Non se sabe canto vai durar pero vai ser máis longo do que prometen os optimistas. O cumio de Washintong nin sequera tocou ás axencias de rating, limitándose a dicir que haberá controis.

¿Despois que?
¿Non será cuestión xa de establecer mecanismos de protección social, máis alá dos existentes, aínda que iso supoña aumentar o gasto público?. As medidas que se adopten para creación de emprego tardarán o seu tempo e serán limitadas. Moitos cidadáns/ás verán como se esgotan as súas prestacións por desemprego e despois qué.

Cando a crise dos anos 70, para facer fronte á situación de paro cando se esgota a prestación por desemprego, se crea un novo mecanismo que lles permitise subsistir mentres non se insertan no mercado laboral. Aquí, na nosa comunidade, mediante a presión sindical, créase a RISGA (Renda de Integración Social de Galicia), en 1991, pois a Comunidade Autónoma ten competencias exclusivas en materia de asistencia social. Esta, establecía unhas condicións moi restritivas para ser beneficiario que foron suavizadas cunha reforma da lei en 1999 ( grazas á presión sindical e de moitas ONGs así como a crítica realizada nun informe, do Valedor do Pobo) e outra, en 2004, para adaptala á prescrición sobre estranxeiros no marco da U.E.

A reforma prometida da RISGA e o salario social
Tanto o PsdeG-PSOE como o BNG, incluían no seu programa unha nova reforma que flexibilizara os requisitos e axilizase a súa tramitación. É máis, o BNG propón no seu programa (páx. 28-III.2.1.2.) "implantar un salario social como medida solidaria de integración laboral e social, destinada a todas as persoas desempregadas, priorizar aquelas que, despois dun período de formación, buscan o seu primeiro emprego ou se reincorporan á actividade laboral e que na actualidade non están amparadas polo sistema de protección social". Máis claro auga.

Non obstante, parece evidente, que non formou parte das prioridades do goberno. Ademais, como o dereito á devandita prestación da RISGA vai asociada a un proxecto de inserción, ¿non será o momento de desvincular unha doutra, como fixeron no País Vasco, e crear dous dereitos, un á prestación económica independente da inserción?.

Non resolve o problema pero pode paliar a situación na que se van atopar nuns meses moitas persoas por non dicir xa na que se atopan moitos mozos e mozas.

Se houbo diñeiro en cantidades incribles para a banca e se invertiu en empresas que ao pouco deciden deslocalizarse e non devolven un céntimo ¿porqué non dedicar diñeiro, tamén, ás principais vítimas?. ¿Non é un contrasentido que os impostos dos cidadáns financien os principais responsables da crise?. E como sinalou nun artigo recentemente Vicent Navarro, ¿porqué non dedicar máis diñeiro a crear emprego público, cando en España é só o 9% da poboación a que traballa en sanidade, educación e servizos sociais e ás familias, cando a media da UE -15 é do 15% e en Suecia dun 25%.?.

5/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións