Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Autismo

10:50 07/03/2009

Semana intensa de debate sobre as causas da derrota do bipartito ou se se quere dunha nova maioría absoluta do Partido Popular. Explicacións de todo tipo que requiren, a pesar da urxencia, unha análise sosegada. Reacciones, non obstante, de natureza e calado diferente, no BNG e no PSOE.

A intensidade que adquiren estas reaccións (máis de tipo catártico no BNG e máis controladas no PSdeG-PSOE) teñen que ver co carácter inesperado da derrota. Pode que temida durante a campaña electoral pero imprevista non fai máis dun mes. E este feito di xa moito de por se sobre este pasado goberno bipartito.

¿Como é posible con tantos recursos ao seu alcance - económicos, profesionais, organizacionais, administrativos, etc, que actuasen - practicamente ata uns días antes do 1-M - coma se a súa continuidade no goberno non fose máis que un trámite administrativo?.

Lamento dispoñer de pouco espazo para proporcionar unha resposta pero haberemos de ir afondando niso nos próximas semanas. Pero resúmoa así: Partían dunha teoría do poder que explicaba as vitorias do Partido Popular, errónea en moitos aspectos, baseada en tópicos e como a daban por verdadeira nin sequera formuláronse ir verificándoa empiricamente: ao contrario, decidiron facer unha suspensión sensorial coas súas bases electorais mentres o intelecto (o seu aparato máis ou menos sofisticado de análise) seguía o seu camiño autonomamente para confirmar a visión da realidade que o desexo de autoafirmación dos seus xefes (que á súa vez identificaban co seu respectivo partido e Galicia) impoñía.

Electorado exquisito vs fiel

De aquí que, agora, dende algúns ámbitos se admiren e envexen o electorado fiel co que conta o Partido Popular, coma se iso fose un signo de madureza das democracias. E cualifican pexorativamente ás súas propias bases como "exquisitas" e ao electorado en xeral como moi influenciable pola "campaña máis sucia da historia que fixo o PP" (non recordan outras anteriores porque non lles afectou a eles) ou a "intervención especial dos medios de comunicación de Madrid e dalgún local”, ¡ outra novidade¡. Aínda que algúns deses factores son importantes non poden converterse na única ou principal explicación.

Dende os partidos - neste caso o PSdeG- o aparato rapidamente curta cabezas e sinala aos culpables: Touriño e o seu ámbito -citando nomes (El País, 6/3/09); moitos dos que non tiveron empacho en adulalo e que xente do seu ámbito non afiliada fixese permitiron e desfixese dentro do seu partido todo o que quixo, agora, colócanse na primeira fila do enterro. Algo de responsabilidade terá tamén nesta derrota.

É necesario afondar nas causas que conduciron a esta situación porque o futuro dependerá de se a análise que se fai é correcta ou non; tamén se pode optar por unha fuxida cara a diante pero o respecto á cidadanía e ás propias bases electorais esixe altura de miras. As eleccións municipais foron un aviso en toda regra pero a suba de votos do PP non impediu seguir gobernando a coalición nas cidades e iso fixo pospoñer indefinidamente a análise. ¿Poderán recobrarse deste fracaso e modificar o panorama negro que se debuxan sobre as municipais?. ¿Poderán gañar a confianza dos cidadáns?. ¿É esta derrota unha oportunidade para cambiar a forma de facer política e crear unha alternativa que xere confianza no novo contexto ao que nos abocou unha crise económica que sentiremos con maior virulencia?

3,67/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións