Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Quen gañou?

09:00 13/06/2009

A medida que van pasando as horas despois de coñecerse os resultados das eleccións europeas o dato da participación vai caendo dos titulares.

Disimulado na idea de que foi igual á vez anterior, elimínase co decorrer dos días, á vez que a información sobre a vitoria do centrodereita en Europa ocupa a grande maioría do espazo salferido aquí e alí co ascenso da extrema dereita e a perda de escanos da socialdemocracia.

Nas análises que lemos durante a semana nos medios de comunicación a participación (baixa) convértese de inmediato nun elemento circunstancial. O importante é a distribución de escanos do P.E.. Á fin e ó cabo aínda que máis da metade dos electores europeos decidiran non exercer o seu dereito ao voto, isto non evita que, os que votamos como os que se abstiveron, vaiamos sufrir as consecuencias das decisións que se adopten en Bruxelas.

Se a miúdo falamos dun déficit democrático na U.E, en parte debido ás limitadas funcións do Parlamento, ¿onde se haberá de situar o % de participación necesario para non cuestionar aínda máis a lexitimidade da institución.?

A baixa participación similar á das anteriores eleccións non pode atribuirse como factor exclusivo á crise económica mundial. A crise da UE (rexeitamento nalgúns países, en referendum) non impediu que se adoptasen durante estes anos decisións que nos afectan a todos aínda que fosen incapaces de afrontar a crise económica con decisións conxuntas e non estatais.

¡Unha esquerda de centro¡
¿Como é posible que se manifeste a mesma tendencia de voto que nas anteriores eleccións e o centro dereita amplíe aínda máis a súa vantaxe, nun contexto de crise económica que é creada, precisamente, polas ideas neoliberais das súas políticas?. ¿Será que a esquerda, se fose intelixente, debera ir cara ao centro e asumir todo ou parte daqueles postulados ?. Así a esquerda non perdería. Teriamos unha sociedade cun pequeno grupo de dominantes que non produce riqueza e a acapara e unha masa de dominados pagando os seus extraordinarios beneficios. ¿Estámonos a achegar - como sinala Jacques Attali-ao momento prognosticado por Marx dun capitalismo planetario e suicida?

¿Acaso a esquerda dominante en Europa dende hai anos non perde poder, elección tras elección, en Europa e en cada un dos seus países membros - con algunha excepción? ¿ Pero non será  -como lin recentemente nalgún sitio-  porque se converteron en partidos de centro?

¿Por que se oculta en case todos lados que o grupo parlamentario europeo que máis creceu en % de votos ten unha ideoloxía que a diferencia das demais non provén directamente da Ilustración - aínda que poida ter influencias diversas- senón que non xorde ata a década dos setenta do pasado século?¿ Pode servir de pista, de orientación para alternativas de futuro?.

Veremos que pasa pero se a esquerda non é capaz de dilucidar cáles son os valores que realmente hai que manter e non é capaz de propoñer-crear un modelo alternativo ao modelo legal existente, a cidadanía abandonaralles- tal como empeza a suceder nos últimos anos. Engánanse e engánannos as elites políticas actuais se pensan que o que está a suceder é conxuntural.

4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións