Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

A UE e as 65 horas

12:40 12/06/2008

A nova directiva aprobada esta semana polos ministros da UE que amplía a xornada laboral ata 60 horas ("65 en casos especiais") reafirma a tendencia á flexibilización laboral, acabando cun dereito social recoñecido pola OIT (Organización Internacional do Traballo) dende hai máis de 90 anos.

Esta tendencia á flexibilidade laboral que se inicia hai unhas décadas é un efecto do actual proceso de globalización e que, segundo U. Beck, supón o traslado a Occidente de fórmulas que se comezaron a aplicar nalgúns países do sueste asiático ou países como Brasil e que coñecemos co nome de "dúmping social" facendo con iso referencia non só a xornadas laborais interminables, baixos salarios senón tamén á redución de cargas fiscais e impostos así como ao recorte de programas sociais: redución ou eliminación dos dereitos laborais e dos dereitos sociais.

É o proceso, por dicilo así, á inversa que se seguiu durante o século XIX e o século XX. Recorda aos inicios do capitalismo e á revolución industrial: o traballador e a traballadora - incluíndo nenos en condicións de explotación intolerables tal como sucede hoxe en moitas partes do mundo- sabía a qué hora entraba a traballar pero non sabía a qué hora remataba a xornada nin se ao día seguinte o contratarían. Só cando os traballadores conseguen organizarse e levar a cabo unha loita política e sindical adquirirán dereitos políticos e sociais.

A caída do muro de Berlín
A caída do muro de Berlín e a desarticulación da URSS deixa despexado o camiño as forzas neoliberais para impoñer unha globalización baseada na desregulación e na flexibilidade laboral que supón un ataque permanente ao papel que veu desempeñando o Estado e á permanente redución de dereitos. Noutras palabras, a economía imponse á política e invade o propio Estado e a todas as administracións (locais, autonómicas e supranacionais). Botón de mostra podemos velo nesas canles fluídas entre altos cargos da política que pasan case sen tránsito a formar parte dos consellos de administración de grandes empresas ou son contratados como directivos. O último o caso de Taguas que se suma a outros como o Zaplana, Aznar, Schöreder, Blair, etc.

A nova consigna é "liberdade". Así presentan esta nova contrarreforma, como "free choise": liberdade de elección do traballador en materia de xornada laboral. Para estender o seu domino non terán empacho en presentar as súas demandas como unha esixencia de "máis liberdade", Para qué?, para oprimir e para explotar.

Os medios de comunicación xogan e xogarán, aínda máis, un papel importante e dependerán cada vez máis da publicidade. Serán as grandes empresas as que marquen as súas liñas editoriais. Xa se deu nestes últimos días, un caso manifesto de retirada de publicidade a unha canle de televisión privada por parte dunha empresa porque considera ofensivo un dos seus programas. É só a punta do iceberg.

O futuro próximo
Que España non aprobase esa directiva (pendente ao día de hoxe da decisión do Parlamento Europeo) e non a vaia aplicar é só cuestión de tempo. Se facemos caso á prospectiva que Jacques Attali nos debuxa no seu libro "Breve historia do futuro", nos próximos anos, as tendencias privatizadoras incluíndo servizos públicos como a sanidade, a educación, as pensións de xubilación, etc) incrementaranse e as guerras polos recursos naturais como o petróleo e a auga estenderanse. O Estado minguará e serán as compañías de seguros as principais beneficiarias.

A UE parece cada vez máis empeñada en dar a razón aos máis críticos e escépticos: recorte de dereitos, políticas de inmigración, reforma universitaria (necesaria pero que parece inclinarse cara á súa privatización). Non obstante, non hai vida fóra da UE.

Hai que reverter a tendencia. Pero ¿cales son os principais actores que posibilitarán un cambio de paradigma?. A maioría, seguro, pertencen ao que chamamos países en vías de desenvolvemento, terceiro mundo, ou o sur. Aquí, entre nós, quizais, están algúns nos partidos políticos e sindicatos, outros, a maioría, en movementos sociais, Ongs, e outros, emprendedores sociais que exercen distintas profesións, médicos, biólogos, informáticos, etc. Internet pode ser un importante instrumento, igual que o foi no seu día a imprenta, aínda que no seu comezo se pensaba que consolidaría á Igrexa e aos poderes dominantes de entón. Haberá que vencer esa apatía que, ás veces, se expresa en forma irónica e proclamar a liberdade individual contra calquera forma de opresión e explotación aínda que iso nos sitúe nunha postura difícil.

4,69/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións