“Poñendo en cuestión os motivos dos teus rivais e facendo que parezan perversos, podes diminuír a súa base de apoio e lograr espazo para a manobra” (Robert Green, 2006). Isto é o que vén facendo o PP desde que perdeu as pasadas eleccións xerais. Primeiro, tratando de deslexitimar ao novo goberno, segundo, acusándoo de traizón pola tegua de ETA, terceiro, acusando, a ZP e aos nacionalistas, de destruír España.
Non quero dicir con iso que non existan problemas nesas ordes, que existen e están, aínda, sen resolver, senón como o teñen sobredimensionado para crear tensión e traducila en símbolos para a confrontación: a Bandeira e a Unidade de España. “O PP é o único que pode salvar a España” (Acebes dixit).
É que o PP non ten outros obxectivos, outras ideas, ou programas, fóra da defensa exclusivista deses símbolos?. Ten algo que dicir sobre a vivenda, a educación, a sanidade, a igualdade entre homes e mulleres, sobre os dereitos dos cidadáns independentemente das súas crenzas relixiosas, das súas inclinacións sexuais, do medioambiente, etc.?. Acudín ao que considero a principal entidade produtora de ideas vinculada ao PP, a FAES, e en particular, ao expresidente de Goberno José María Aznar, que promove “novas ideas na loita contra a vella ignorancia”. Isto, seguramente, poderiámolo compartir moitos, verdade?. Haberá que ver en que consisten esas novas ideas. Ao mellor, coller un discurso recente, non vaia ser, agora, que é asesor dun importante grupo “estranxeiro” de comunicación, pense doutra forma. Tomo, pois, un recente, do 20 de setembro de 2007, da súa intervención na reunión European Ideas Netwok.
Sempre “o meu amigo Bush”.
O discurso é dunhas poucas páxinas e resúmoo en tres cuestións, aparte, por suposto, das súas apelacións a “o meu amigo Bus”:
1.- “Necesitamos reducir os impostos”. Adoita funcionar como unha chiscadela ao electorado. Connosco ides ter máis diñeiro no peto para as vosas necesidades, para gastalo libremente, no que cada un queira. Significa iso que cando gobernen van gastar moitísimo menos en publicidade, aforrar en persoal de designación propia, en gastos suntuarios, e ser máis eficientes?. Non, pola experiencia que temos aquí e alí. Que significa, entón?. Pois isto dio a continuación, pero non nos programas, onde nos fan entrever que teremos as mesmas prestacións e ata que as van a mellorar.
2.- “Necesitamos reformas máis profundas do Estado de Benestar”. “Facer fronte ao exceso de prestacións do Estado”. É dicir, claramente, recortar programas sociais e frear o investimento en servizos, educativos, sanitarios, etc. e que ca calderilla do peto que nos proporcionaron - á maioría asalariada e a moitos autónomos-, a redución de impostos, contratemos seguros privados, sanitarios, envíense aos fillos a unha universidade privada, contrátese un plan de xubilación, e se es muller, non traballes fóra de casa, coida dos teus maiores, dos enfermos, etc.
3.- “O que necesitamos realmente son mercados máis flexibles, incluíndo o mercado laboral”. Estimular a precarización laboral e posibilitar que o empleador poida ir eludindo as cargas sociais, de xubilación, sanitarias, etc, deses empregados e que o traballador poida volverse un competidor dos seus compañeiros de traballo.
Aínda por riba
Por se isto non é suficientemente indicativo, baste recordar que cando, o PP, non é capaz de obter apoios suficientes no Congreso para emendar un proxecto de lei do goberno e perde a votación, acode ao Tribunal Constitucional e presenta recurso. O que non gaña nas urnas nin no Parlamento, preténdeo gañar no TC: exemplos, recurso de inconstitucionalidade contra a lei que regula os matrimonios entre persoas do mesmo sexo, contra o novo Estatuto de Cataluña, contra a reforma da LOU , etc, e, por se era pouco, contra a Lei Orgánica do Tribunal Constitucional.
Esas “novas ideas de Aznar” teñen moito en común coas situacións que vivían as sociedades europeas da primeira metade do Século XIX: traballadores sen dereitos, mulleres sen expectativas, etc, e un Estado que só protexía aos ricos e poderosos, e que aínda, hoxe, é común nunha boa parte do mundo e non están superadas, nin moito menos, aquí e agora.
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.