O investimento presupostado ascende a 135 millóns de euros. O goberno luso poderá achegar até o 40% do total.
Dunas de Mira, onde Pescanova pretende construír a planta / António Campos
O Consello de Goberno portugués aprobou esta quinta feira as cifras de investimento para o proxecto de construción da planta que Pescanova pretende instalar no Lugar de Interese Comunitario (LIC) Dunas de Mira, incluído na Rede Natura 2000.
Segundo o comunicado feito público tras a xuntanza dos ministros lusos, e do que se fai eco o Diário de Notícias, a cantidade achegada por Pescanova ascende a 135 millóns de euros, destinados á "construción e equipamento dunha nova unidade integrada de acuicultura, localizada en Mira, que inclúe unha fábrica de procesamento de pescado e destínase á engorda e transformación, en réxime intensivo, de pregado para venda".
"Respectando o ambiente"
"Preto do 99% da produción destínase á exportación a países da Unión Europea ou para países terceiros, con a utilización de procesos produtivos de elevado contido tecnolóxico, utilizando as mellores prácticas coñecidas no sector e respectando as medidas de protección ambiental adecuadas", engade o documento.
Ademais, o executivo portugués concedeulle o estatuto de Projecto de Interesse Nacional (PIN) devido ao seu "elevado impacto macroeconómico", o que lle asegura até un 40% da participación económica do Estado. O ministro de Economía, Manuel Piño, salientou que "Portugal conseguiu o investimento en concorrencia con varios países".