Pendente de recibir a declaración de Zona de Especial Conservación, coma último chanzo no programa Natura 2000, o espazo das "Dunas de Mira, Gândara e Gafanhas" non amosa atallo burocrático ningún por onde forzar a imposición da granxa mariña de Pescanova. Así o explica o informe elaborado pola Federación Ecoloxista Galega e o colectivo portugués Quercus. Será a base das futuras accións legais que se iniciarán a nivel da Unión Europea, no caso de que o Ministerio de Agricultura portugués non presente unha alternativa para a localización da factoría. Mentres, en Mira comeza a mobilización veciñal contra a macrofactoría ao tempo que se denuncian movementos especulativos ao abeiro do proxecto empresarial galego.
A lexislación sobre a conservación da natureza e a Directiva europea de Hábitats son claras ao respecto, e calquera acción de perturbación ambiental sobre as Dunas de Mira, Gândara e Gafanhas incumpriría os requirimentos estabelecidos. Non hai carreiro legal xa que logo para xustificar que o goberno portugués non paralice a iniciativa de Pescanova no lugar.
No informe co que os ecoloxistas apelarán ás institucións europeas, sublíñase o compromiso que a UE lle esixe aos Estados membros para pularen pola "coherencia ecolóxica da Rede Natura 2000". Nesa liña, é imposíbel a validez dun proxecto que incumpre "cuestións tan fundamentais" como son a procura e publicación de alternativas ou a identificación e xustificación das "razóns imperiosas de interese público".
O Ministerio de Agricultura luso recoñecera inicialmente que en función do estudo de impacto ambiental podería chegarse ao estremo de escoller outra alternativa. Porén, a posición oficial é agora que o informe ambiental se realizará unicamente para decidir a "ubicación concreta" que terá a piscifactoría dentro da Rede Natura.
Quercus advirte de novas "manobras especulativas" en Mira
"Queren aproveitar a oportunidade para estragar aínda máis o lugar", láiase Antonio Campos, voceiro de Quercus na zona. Segundo explica, o grupo local de goberno está aproveitando a fenda aberta na legalidade polo proxecto empresarial galego para tratar de que sexa aínda maior a superficie da Rede Natura a destinar a outros proxectos de construción. "Están promovendo un elevado nivel de expeculación co territorio", quéixase.
Quercus sinala que polo momento, nin desde a administración nin desde Pescanova accederon a reunirse con representantes do colectivo. Con todo, agardan que o recente inicio de mobilizacións en Mira mude a sensibilidade amosada polo executivo. Os ecoloxistas apoiarán a campaña iniciada por veciños da zona que piden a paralización do proxecto e a aposta por outros modelos de aproveitamento do contorno natural de Mira.