"Falta espazo físico", queixouse o presidente da empresa este mércores. Con todo, pasou a recoñecer que o plan acuícola responde ás expectativas do sector.
"Agora é o momento da acuicultura", subliñou o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, durante a presentación este mércores das contas de empresa á xunta xeral de accionistas. Sousa destacou que a estratexia da empresa pasa por relanzar a aposta polo sector acuícola, onde ten as maiores expectativas de crecemento.
Nun significativo cambio do discurso oficial da empresa, o seu presidente concedeu diante dos accionistas que o plan para a acuicultura que o executivo galego vén deseñando con estreito contacto coas empresas do sector, abre o camiño para que Galiza consolide o liderado mundial neste eido de negocio. Nesa liña, evitou afondar na rifa á Xunta sobre a planta paralizada en Touriñán, e cinguiu as críticas ao que considerou "falta de espazo" para despregar grandes macroproxectos.
Ao respecto desas macrofactorías piscícolas, o presidente de Pescanova asegurou que o proxecto de Mira, en Portugal, segue adiante e estará en funcionamento en 2008.