O Diario Económico afirma que o goberno estatal está a presionar á Xunta para que convenza a Pescanova da necesidade de retirar o proxecto dunha piscifactoría en Mira. Segundo o rotativo luso, a suposta manobra do goberno español pretende que o proxecto volva para Galiza. A sorprendente información suxire que as relacións entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, non son boas debido á afinidade que tiña este último co ex presidente Manuel Fraga.
Outros xornais coma o Jornal de Noticias tamén se fan eco da noticia. O propio ministro de Agricultura, Jaime Silva, asegurou este venres que espera que a empresa siga adiante co seu proxecto acuícola en Mira: "Pescanova asinou un protocolo que nós imos cumprir", sinalou. Silva asegura que a finais deste mes xa se coñecerán as primeiras conclusións sobre os posíbeis impactos ambientais. Hai que lembrar que a zona escollida en Mira forma parte da Rede Natura. A asociación ecoloxista Quercus xa anunciou que ía denunciar este feito na Unión Europea.
En Galiza, colectivos ecoloxistas como é o caso de Adega coidan que o anuncio da piscifactoría en Mira foi unha manobra para "chantaxear" o Goberno galego. Dubidan que haxa unhas intencións reais de levar adiante o proxecto e aseguran que, de facerse, o investimento real sería notabelmente menor á cifra da que se fala (140 millóns de euros).