Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

Ten valor ecolóxico o contorno de Touriñán? Dous modelos para Galiza

Aproveitar buratos lexislativos para arramplar cun espazo natural ou buscar alternativas? O exemplo de Muxía dá pistas sobre os modelos de país a debate fronte ás urnas.

R.N. - 14:25 15/05/2007

O PPdeG considera que a UE daría permiso para arramplar con Touriñán e o goberno popular en Muxía está a favor do proxecto.

Ás portas da votación nas municipais, de Bruxelas chegou esta semana noticia da resposta escrita do comisario europeo de Pesca, Joe Borg, a Daniel Varela, eurodeputado do PP. Segundo a Eurocomisión "a postura adoptada polo [anterior] Goberno de Galiza [autorizando a instalación da factoría de Pescanova en Muxía] non está en contradición co Dereito Comunitario".

Amparados nese documento, o voceiro de Asuntos Europeos do PP, Enrique López Veiga, e o responsábel de Pesca do mesmo partido, Xosé Manuel Balseiro, aseguraron este luns en conferencia de prensa que o actual executivo usou argumentos falsos para paralizar o proxecto. López Veiga cualificou de "falcatruada" a decisión e afirmou que o proceder da Xunta é exemplo dunha "esquerda desfasada", indicando que "o PSOE galego está dirixido por ex membros do Partido Comunista influenciados polo stalinismo, o autoritarismo e o centralismo propios desas ideoloxías". Así, unha vez máis o PPdeG solicita que se autorice a construción dunha piscifactoría no espazo natural protexido de Cabo Touriñán.

A insistencia con Touriñán como exemplo de "nulos escrúpulos á hora de destrozar o territorio"
Así o opina Xosé Manuel Lage Tuñas, deputado do PSdeG, reprochándolle aos populares que usen as burocracias europeas para "terxiversar" unha resposta dada por un comisario europeo entrando de cheo no terreo da "mentira e da calumnia". "Ningún goberno de Europa poría en perigo Touriñan", subliña Xosé Manuel Lage. Para Lage, a teimuda insistencia de López Veiga e do propio presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, co tema da piscifactoría, son exemplo "claro" dos "nulos escrúpulos" dos populares fronte ao territorio.

Lage destacou que o goberno actual traballa para que en Galiza sexa compatíbel a condición de "gran potencia mundial no ámbito da acuicultura" co respecto e conservación "do mellor que temos nesta terra, o territorio". "A protección de hoxe é a riqueza de mañá”, di o deputado socialista.

As oportunidades inexploradas de Muxía
Desde o BNG solictáronlle recentemente á Xunta que free a ameaza sobre Touriñán recomprando os predios mercados no seu día a baixo prezo por Pescanova. A candidatura do BNG local, con Luisa Gerpe á cabeza, subliña que só se opoñen ás piscifactorías que lle afecten a espazos protexidos e destacan que o contorno de Touriñán pode aproveitarse como parte de formas de desenvolvemento local alternativas. Un centro de interpretación do espazo natural, un espazo sobre a historia dos naufraxios na zona, unha rota turística sobre os percebeiros, usos hosteleiros... Son algunhas das ideas que propoñen para a dinamización da zona e a creación de emprego.

O equipo do PP en Muxía aposta por arramplar con Touriñán
"É un dos lugares de maior beleza natural que poden visitarse na zona", indica a propia web do Concello de Muxía ao respecto do contorno do Cabo Touriñán. A prosa turística municipal non é obstáculo malia todo para que o Concello, liderado polo alcalde Alberte Blanco, aposte por introducir no lugar a macropiscifactoría negada pola Xunta.

Ás portas da campaña electoral, nun mitin do presidente do PPdeG na vila, Núñez Feijoo insistía en que se consegue o poder na Xunta dentro de dous anos autorizará a construción dese proxecto acuícola en Touriñán. Segundo os populares existen outras áreas costeiras de maior interese natural onde se están autorizando proxectos que atentan contra o medio, caso da área preto de Malpica incluído na Rede Natura de "onde se arrasou unha superficie de máis de 3.000 metros cadrados para extraer material de recheo destinado á construción da estrada Buño-Malpica".


Ligazóns

5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: