Adega denuncia ademais que "os supostos 350 postos de traballo que van crear en Portugal son unha auténtica falacia".
Segundo unha fonte do Ministério do Ambiente portugués "non vai ser nada fácil aprobar o Estudo de Impacto Ambiental nos actuais termos". As irregularidades no Estudo de Impacto Ambiental poderían provocar o rexeitamento do proxecto da piscifactoría de Pescanova en Mira, sobre todo no referido á captación e devolución da auga do mar.
Estas irregularidades levaron a Pescanova a retirar momentaneamente o Estudo de Impacto Ambiental, e refacer o proxecto “con maior profundidade”, nun prazo de dúas semanas.
Segundo Adega, "estas cuestións poñen en evidencia o insustentábel dun proxecto que estragaría as dunas de Mira, protexidas pola Rede Natura, e que forman un campo dunar de impresionantes dimensións e con hábitats prioritarios".
24 prazas de aparcamento
Ademais, a asociación ecoloxista sinalou que "os supostos 350 postos de traballo que Pescanova creará en Portugal son unha auténtica falacia". A modo de exemplo, salientan que por exemplo no proxecto de Stolt Sea Farm, en Costa Galloufa (Baroña), "a empresa prometeu 150 postos de traballo mais, segundo os planos do proxecto, esta piscifactoría vai contar cun aparcamento con 24 prazas".
Tamén, sinalan, "na web do Clúster da Acuicultura menciónase que o total de empregos en Galiza é de 270 persoas", e pregúntanse: "como é posíbel que só unha empresa ofreza máis postos de traballo que o total do sector?".