O acordo entre patronal e sindicatos aprobouse maioritariamente en todos os centros este venres a primeira hora da mañá. Finalmente, as empresas cumprirán o convenio do metal.
Derradeira xornada de folga, esta cuarta feira
Este venres ás 11.00 horas, os traballadores do naval celebraron a fin do conflito que dende o pasado 3 de maio mantiña na rúa a 5.000 operarios de empresas e de estaleiros vigueses. Mediante unha asemblea informativa simbólica organizada na Praza do Rei, fronte á casa do concello da cidade, os manifestantes puxéronlle punto e final á folga e ás mobilizacións.
Previamente, á primeira hora da mañá, realizouse unha votación nos centros do traballo para validar o acordo ao que chegaron sindicatos e patronal na madrugada do mércores ao xoves. Este foi referendado maioritariamente polos operarios. A seguir, os obreiros do naval partiron cara ao consistorio.
Contratos fixos
Finalmente, a patronal comprometeuse a cumprir co convenio colectivo do metal. Concretamente, os empresarios deberán facer fixos ao 45% dos seus traballadores, e certificalo nun prazo dun mes. De non ser así, serán expulsadas da actividade dos estaleiros da bisbarra.
No que respecta ao contrato multiemprego, tan só as empresan que conten cun 55% de traballadores fixos poderán facer contratos concatenados. Esta cifra aumentará en 2008 até o 60%. De calquera xeito, a Axencia de Bolsa de Emprego, ABE, deberá ser informada desta situación.
"Metal", artigo de Ricardo Castro Buerger (17 de maio)