Logo de seis horas de reunión entre patronal e sindicatos este luns 30 de abril, estes últimos anuncian que se vai manter a convocatoria de folga do metal na provincia de Pontevedra dende este xoves.
Segundo anunciaron os sindicatos CCOO, UGT e CIG, a convocatoria de folga indefinida no sector do metal da provincia de Pontevedra manterase dende o xoves, logo de non chegaren a un acordo coa asociacións empresariais no tocante á porcentaxe de traballadores fixos e ao funcionamento da axencia-bolsa de emprego.
Os sindicatos convocaron esta folga para denunciaren o incumprimento do convenio colectivo asinado en maio do ano pasado: non se respectan a porcentaxe de traballadores eventuais que deben pasar a ser fixos (o 45% segundo o pacto) e non funciona a axencia-bolsa de emprego, que, segundo explicou Miguel Anxo Malvido, da CIG, "era a garantía de emprego estábel e non está a funcionar".
Pola súa banda, o representante da patronal, Enrique Mallón, recoñeceu este incumprimento por parte dalgunhas empresas, aínda que salienta que son "casos puntuais", e que no 90% das empresas si que se cumpre.