A manifestación polas rúas de Vigo volve provocar cortes de tráfico no centro. Ademais, a entrada ao centro comercial El Corte Inglés está bloqueada.
Os traballadores do naval vigués volveron á rúa esta cuarta feira logo de decidilo nas asembleas de primeira hora da mañá. Nesta xuntanza tamén se lle deu o apoio aos tres operarios detidos na xornada de onte, acusados de desordes públicos. "En ningún caso son culpábeis da queima de contedores de lixo", sinalaron.
Neste senso, acordouse maioritariamente non lle prender lume aos colectores, tal e como está sucedendo ao longo desta nova xornada de mobilizacións, mais si a súa utilización para bloquear as rúas.
O que si se repetiron foron os cortes de tráfico en zonas claves do centro de Vigo. Ademais, os manifestantes bloquearon a entrada ao centro comercial El Corte Inglés.
Postura da Administración
Por outra banda, a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, e o delegado de Traballo en Pontevedra, Pedro Borrajo, ofreceron unha conferencia de prensa para explicar a situación actual do conflito.
Borrajo salientou os "verdadeiros esforzos" que están a facer as dúas partes implicadas no conflito do sector naval, e precisou que este labor estase a desenvolver "desde o principio, con reunións conxuntas, por separado, e mesmo desde antes do inicio da folga".
Todo apunta a que o sindicato CUT podería abandonar o comité de folga para facilitar o proceso de diálogo, e "non ser a desculpa que utilice a patronal para non se sentar a dialogar", segundo sinalou o voceiro do sindicato, Manuel Camaño.
Pregunta de EU no parlamento español
Ademais, Esquerda Unida (EU) de Vigo remitiu ao seu grupo no parlamento español unha pregunta dirixida ao ministro de Traballo, Jesús Caldera, na que se lle pide a súa rápida intervención "ante a gravidade e o cariz que está a tomar o conflito do naval vigués" e a súa "repercusión social é económica" en centos de familias da cidade.
EU considera "intolerábel" a actuación da patronal, negándose a negociar estes últimos días coas forzas sindicais, sabendo que grande parte dos seus asociados "incumpren sistematicamente" o convenio colectivo que eles mesmos firmaron hai un ano.