Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Conflito do naval-metal

O contrato multiobra segue a paralizar o acordo entre patronal e sindicatos

Os sindicatos esixen probas a ASIME do hipotético compromiso de Montaxes Nervión para facer fixos ao 45% dos seus empregados.

FAA - 21:30 16/05/2007
As mobilizacións cinguíronse ás inmediacións dos estaleiros, esta cuarta feira en Vigo

As mobilizacións cinguíronse ás inmediacións dos estaleiros, esta cuarta feira en Vigo

Segundo lle trasladou a patronal á Consellería de Traballo, a empresa auxiliar Montajes Nervión SA, Monesa, teríase comprometido con Barreras e Vulcano a cumprir o convenio colectivo, isto é, facer fixos ao 45% dos seus empregados, logo da xuntanza que mantiveron representantes dos dous estaleiros e da empresa vasca esta terza feira en Bilbao.

Porén, a patronal non aportou ningun documento asinado que confirme este punto, segundo denunciaron os sindicatos. O representante confederal para a negociación colectiva da CIG, Antolín Alcantara, dixo que "o acordo final segue a depender dunha solución global". No mesmo senso manifestáronse os representantes de UXT, CUT e CCOO. O secretario xeral en Vigo desta última central, Xosé Cameselle, dixo que a solución definitiva podería chegar antes do xoves, malia advertir que de non ser así "malo", e negou con rotundidade que se tivese producido un acordo con Monesa.

Contrato multiemprego e ABE
No entanto, o principal atranco segue a ser o chamado contrato multiemprego. A mesa negociadora reúnese dende as 18.00 horas desta cuarta feira na Delegación de Traballo de Vigo co fin de pórlle punto e final á folga indefinida do sector iniciada o pasado 3 de maio.

A patronal defende que un traballador poida concatenar contratos temporais indefinidamente cunha mesma empresa ou conoutra de calquera dos estaleiros, mentres que os sindicatos apoian que os operarios volvan á bolsa de emprego (ABE) e que non se produza a súa deslocalización.

Ademais, para o vindeiro luns está convocada por todos os sindicatos un paro xeral do metal entre os traballadores con convenio provincial, que o martes se estendería a todo o sector, tamén aos que contan con convenio propio como é o caso dos operarios de Citroën e Indugasa.

Xornada de mobilizacións

A xornada de folga desta cuarta feira no sector naval de Vigo estivo marcada pola tranquilidade nas rúas. As mobilizacións dos traballadores restrinxíronse ás zona próximas aos estaleiros de Barreras e de Vulcano, e a realizar asembleas informativas nos centros.

Mentres, as forzas antidisturbios da policía ocupaban as rúas do centro da cidade, equipados con porras e escudos, en previsión de que se producisen incidentes similares aos acontecidos esta terza na Delegación de Traballo.

Pregunta no parlamento español

Por outra banda, o coordinador xeral de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares, rexistrou esta cuarta feira no congreso dos deputados de Madrid unha pregunta dirixida ao ministro de traballo Jesús Caldera ao respecto do conflito do naval en Vigo.

Con esta pregunta, remitida pola candidata á alcaldía de Esquerda Unida en Vigo, María Luísa Fernández, preténdese que o ministerio "actúe e obrigue á patronal viguesa a velar polo cumprimento do resultado da negociación colectiva, que se tomen medidas para que se cumpra o convenio en todas as empresas do ramo e que se teña en conta a grave situación que se está a xerar na cidade".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: