Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na cuarta xornada de folga

Medra a tensión no naval de Vigo logo da detención de tres traballadores

Axentes de incógnito identificaron os operarios como presuntos autores da queima de contedores de lixo. Quedaron en liberdade logo de declarar na comisaría.

Redacción - 17:46 08/05/2007

A Policía detivo esta terza tres persoas por alterar a orde pública no transcurso das protestas convocadas con motivo da folga indefinida no sector naval, segundo informaron fontes da subdelegación do goberno español en Pontevedra.

Fontes sindicais confirmaron as tres detencións, e aclararon que se trata de tres traballadores de empresas auxiliares do naval, J.G., D.C., e E.D., dous deles duns 27 anos de idade, e outro de 37 anos. Os tres permaneceron varias horas en dependencias da comisaría de Vigo e logo foron postos en liberdade arredor das 17 horas

As mesmas fontes aclararon que, aínda que pediron ser asistidos por avogados de oficio na súa primeira declaración, os detidos contaron coa asistencia dos departamentos xurídicos das centrais sindicais. Asemade, confirmaron que as detencións se produciron por delitos relacionados coa "alteración da orde pública e vandalismo", debido á queima de contedores de lixo.

Axentes de incógnito

Os tres traballadores, un deles do estaleiro Hijos de J. Barreras, e os outros dous, empregados eventuais nas empresas auxiliares Gestoso e Gestido, foron identificados durante as protestas levadas a cabo esta terza con motivo da folga indefinida do sector por axentes da Policía Nacional española que vixiaban as mobilizacións de incógnito.

Cara ás 14.00 horas, cando os manifestantes disolveron a concentración en As Travesas e remataron o encerro que mantiñan nas dependencias do edificio da Delegación de Facenda, os tres traballadores dirixíronse á rúa Soler, preto da Avenida de Beiramar, a recolleren os seus vehículos, onde foron interceptados e detidos por unha dotación policial.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: