Logo dunha longa xornada de reunións, sindicatos e patronal chegaron ao consenso sobre os puntos máis conflitivos do convenio colectivo, poñendo fin a dúas semanas de folga.
Sindicatos e patronal do sector naval de Vigo chegaron a un acordo para desconvocaren a folga indefinida que comezou o día 3 de maio e afectou a máis de 5.000 traballadores. De ratificaren o acordo as asembleas, o paro desconvocaríase a partir do luns, e incluiría tamén a folga convocada para o resto do sector metalúrxico e empresas con convenio propio (como PSA Peugeot Citroën).
As xuntanzas deste mércores 16 duraron dende as 10.30 até as 14.00 e dende as 18.30 até as 3.20 da madrugada de hoxe. O principal punto de conflito, a contratación encadeada de operarios, foi o foco da reunión, e finalmente chegouse a un consenso para "darlle saída", segundo explicou Miguel Anxo Malvido, da CIG: só poderán encadear contratos dun barco a outro e dun estaleiro a outro as empresas que superen en 10 puntos a porcentaxe de traballadores fixos que esixe o convenio, é dicir, un 55 % este ano e un 60 % para o que vén.
Tamén se pecharon os prazos para as empresas presentaren a documentación que certifique o seu cumprimento do convenio colectivo: terán 15 días para presentala e outros 15 días para axustárense ao mesmo en caso de non facéreno. As que non se axusten serán expulsadas do sector. Ademais, o Grupo Nervión, considerada polos sindicatos como unha das principais incumpridoras do convenio, comprométese a dar de alta como traballadores fixos a unha trintena de operarios.