O comité de folga cítase na tardiña do venres para acordar a estratexia a seguir nas vindeiras horas, e valorar a posibilidade dun paro xeral a partir do luns se non hai avances na xuntanza das 20.00 horas.
As 20.00 horas deste venres, sindicatos e patronal xúntanse nunha nova reunión para achegar posturas, logo de tres xuntanzas -unha o xoves e dúas este mesmo venres- infrutuosas. Ademais, segundo fontes da Delegación de Traballo, hai fixada unha nova xuntanza para mañá ás 11.00 hora.
Tamén este venres, previamente, o comité de folga mantivo unha xuntanza para discutir a estratexia a seguir de cara á vindeiras mesas de negociación, e acordar unha postura común respecto a decisión de estender o paro a todos os traballadores do metal (preto de 30.000) e, incluso, a todos os sectores económicos da bisbarra de Vigo.
"Actos de kale borroka"
No que respecta a última xornada de mobilizacións, constátase un aumento da tensión entre os traballadores do naval. Na asemblea deste venres ao mediodía, logo da xuntanza que mantiveron patronal e sindicatos, a indignación era patente.
Os representantes das centrais na mesa de negociación comunicáronlles aos operarios a ausencia de acordos, algo que non irritou tanto aos presentes como coñeceren a actitude tomada pola patronal.
Segundo os membros do comité de folga presentes na reunión, o principal tema tratado polos empresarios na mesa de diálogo cinguiuse ao relacionado cos incidentes rexistrados durante estas sete xornadas de folga, en especial co cocktail molotov que na madrugada do xoves ao venres foi lanzado contra a delegación da Asociación de Industriais Metalúrxicos, ASIME. Os representantes da patronal cualificaron estes actos propios da "kale borroka". A información foi recibida polos traballadores con berros de "Folga xeral!".
ASIME culpa os líderes sindicais
Ademais, nun comunicado envíado aos medios de comunicación, ASIME, afirma que o "atentado" sufrido nas súas instalacións "é unha consecuencia directa da actitude mantida polos líderes sindicais durante toda a folga", malia recoñecer que "o acto dunha minoría radical non representa ao conxunto dos traballadores".