Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Ademais o tractor é meu

11:00 08/03/2009

Como non lle teño moita fe ás interpretacións postelectorais, e ata que dispoñamos das precisos e incontestables datos do futuro calibrador CVD-09, voume cara á infancia a ver se me dou desfeito da tristura que se me prendeu do corazón dende a noitiña do domingo. ¡Que che fixemos, Santo Deus, para que as ledicias na casa dos pobres teñan tan pouca dura!

No abatemento veume á memoria a primeira vez que meu pai me deixou guiar o tractor familiar, un Hannomag-Barreiros R-438. Aínda non cumprira os doce anos, pero xa levaba un tempo coméndolle a orella ó vello para que mo deixara; e un bo día, no camiño de volta da leira á casa e sen eu contalo, mandoume sentar ós mandos da máquina vermella.
 
Co peito encollido polo gran paso que estaba a dar –pequeno para a humanidade-, guiei os corenta cabalos con precaución e pericia, sen rascar nos valados nin tan sequera despeitear as silvas e fentos das beiras, escapando das fochancas perigosas e collendo as curvas de vagar. Ata conseguín meter o bicho de ferro pola portada grande da casa, e iso que das columnas libraba menos dunha cuarta por cada lado. Esa noite soñei que a casa xa tiña novo guiador.

Ó día seguinte foi meu pai quen recuperou os mandos e de nada valeron as miñas súplicas e protestas. ¿Pero que fixen mal? Nada, pero... ¿E logo por que non me deixas a min? Ben, hai que mellorar algunhas cousas... pasaches coa roda dianteira por riba daquel croio... arrimaches moito contra o cruceiro... rascouche a terceira varias veces... ¡Pero, papá, iso mesmo pásache a ti todos os días, e mais nós non che dicimos nada! Entón meu pai arrodeoume co brazo os ombreiros e díxome, coa dozura típica dos homes calados: Filliño, ademais o tractor é meu.

4,72/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións