Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Economía: lección 0

09:00 28/07/2008

Un destes días que pasou, recibiume meu pai coa nova de que o PIB baixara catro décimas.

E pareceume verlle un aceno de preocupación na faciana. A min estrañoume aquilo, xa que nin meu pai é moi dado ós sobresaltos nin en Cadrón tiveron nunca moito predicamento os decimais. Eu encollín os ombreiros e díxenlle que o asunto tiña a importancia que un lle quixera dar; e el, que xa me coñece ben, engadiu : “ou sexa, ningunha, queres dicir...”. Miña nai, que pasaba por alí, terzou na conversa : “Pero a facenda botámola igual, ¿ou?”. “¡Ai! iso si, claro”, contestoulle el.

Agás meritorias e sobranceiras excepcións, os economistas sempre se sentiron enfeitizados pola matemática. Xa en 1871 o marxinalista Jevons defendía o carácter matemático da economía e a razón que esgrimía para tal conclusión era “simplemente porque trata con cantidades”. 76 anos despois, en 1947, o americano Paul Samuelson publicaba os Fundamentos da Análise Económica, que mais semellaba un tratado de análise matemático que económico. E hai que subliñar que o noventa por cen dos economistas de medio mundo foron –e fomos- formados con manuais samuelsonianos.

A atracción dos economistas pola formulación matemática descansa na esperanza de que nalgures algún día alguén descubrirá algo semellante ás leis físicas newtonianas que expliquen o complexo e infinitamente variado universo económico. Na España do primeiro felipismo, don Miguel Boyer –que por certo, era físico amais de economista- representaba á perfección a simbiose imaxinada no seu día por Jevons, e coas gafas, a fronte despexada e o pelo lixeiramente alborotado, daba cuspidiña a fasquía do científico solitario a piques de facer unha descuberta transcendental. Debo recoñecer que era o espello no que nos mirabamos moitos que daquela estudabamos teoría económica e, por que non dicilo, eu de grande quería ser coma el.

Logo, pasou o que pasou e, sobre todo, pasou o tempo. E algúns decidimos pola nosa conta e risco desaprender o aprendido, e volver andar o excitante camiño do coñecemento. E chegamos á conclusión de que a matemática ten a mesma relación coa economía ca que pode ter coa medicina ou co dereito, por poñer un caso. Un médico tómalle a tensión a un doente e o resultado é un número; e un xuíz dita unha sentencia e impón un número de días de condena. Pero aínda que tanto o médico coma o xuíz tratan con cantidades, non por iso di ninguén que a medicina e mailo dereito sexan ciencias matemáticas.

Case trinta anos van aló do primeiro asalto socialista á Moncloa e un xa vai entrando en idade provecta. Confeso que aínda son moito de don Miguel Boyer, pero xa mais pola esperanza de casar algún día coa muller dun cantante famoso que por cuestións estritamente científicas.

4,18/5 (49 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións