Seguindo a liña editorial marcada por Ramón Regoufe no Tren do serán da Radio Galega, vou hoxe enredar no asunto do PAQUETE. Paréceme un tema serio, aínda que non sei se moi aquecido para estes días de crise, folgas e desesperación. Ou si, vai ti saber, que como o mundo é redondo... E, que quede claro, falo deste tema por culpa do Goberno ZP, que de un tempo para acó viuse na obriga de sacar paquete. Moi ó seu pesar, porque de todos é sabido que se trata dun goberno progresista, pacifista e paritario; e o asunto de sacar medidas de choque en forma de paquete non deixa de ter connotacións dunha certa violencia, aínda que só sexa en grao de tentativa. Eu, que son basicamente rural, no canto de paquete, falaría dun feixe de medidas ou dunha presa de medidas, por poñer un caso, que sempre resulta máis bucólico.
Mais o termo PAQUETE ten tamén outras acepcións. Porque nos tempos da mili escoitar a palabra paquete non te deixaba indiferente: podíanche facer agrandar os ollos se che dicían “fulano, hai paquete para ti” –o que representaba carta, cartos e viandas con arrecendo familiar-, pero pola contra podíanche amolar o día se escoitabas “mengano, vaiche caer un paquete coma unha catedral” –penas e castigos baixo o nome de arrestos-.
Aínda hai mais paquetes, tanto ou mais populares. Como é o paquete-bomba, que por ventura pouca xente o coñece de primeira man nin raios o quere coñecer, nin tampouco falta que fai. Ou o xogador-paquete, que dis ti “pero non terá familia que o reclame?”. Ou os paquetes de Nadal das empresas, unha orxía de turróns variados, licores e mil larpeiradas. Ou os paquetes de marca, que son aqueles que se anuncian con nomes de casa grande, coma un supoñer, "fulano, paquete de Adolfo Domínguez”. Están tamén todos aqueles obxectos que de tan recentes dicimos que son “novos do paquete”.
E por último, e sen ánimo de dar por pechada a lista nin de ofender a todos e todas, está o paquete viril, paquete de paquetes, paquete por antonomasia, aínda que non pase hoxe polos seus mellores momentos. Trátase dun vulto, de liñas curvas e irregulares, que sobresae da liña de flotación dos homes e que acadou o seu cumio de popularidade coa chegada dos pantalóns vaqueiros apertados. Daquela naceron expresións de ledicia e saúde tales coma ¡Vaia paquete! Ou ¡Que paquetón! Pero, claro está, falo de oídas, porque a min nunca mo dixeron nin llo dixeron a outro na miña presencia.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.