O 9 de Decembro saíu á rúa o Xornal de Galicia con cartas abondas para trunfar: Bilingüe, lixeiro de contidos, letra grande e moita foto. Como son lector de barra de bar, e aínda non dei con ningún establecemento abonado, pois tiven -e teño- que mercalo no quiosco. Ata merquei dous exemplares o mesmo día para beneficiarme dos “lapis” promocionais.
Eu aínda lembro os tempos nos que o gremio xornalístico felicitábase do nacemento dunha nova cabeceira e facíanse públicos venturosos desexos co gallo do aumento da oferta informativa. Nada deso aconteceu co Xornal de Galicia. Nin tan sequera o benquerido Vieiros lle deu unha benvida de cortesía.
Por outra banda, a saída do Xornal de Galicia puxo en evidencia o reparados que somos os da banda de Laíño. Levei canda min un exemplar a varias xuntanzas “revolucionarias” e o recibimento maioritario foi: ¿E ti con esa merda? E veña eu a explicarlles que o bo é inimigo do mellor, que mais vale paxaro na man que cento voando, que mais se perdeu na guerra de Cuba, etecé etecé. E mira que lles insistín en que era o único xornal que nos trataba ben, que utilizaba o galego alomenos tanto como tanto se utiliza na realidade galega, que debiamos apoialo para que saíra adiante...¡Nada que vai para ningures! ¡Coma se rillara nun croio!
Igual ca se estiveramos diante dunha variante perfeccionada do paradoxo do asno de Buridan, na que o cuadrúpede non é quen de decidirse entre un feixe de herba ruín que ten á súa beira e unha horta de gorentosas verzas que outea no horizonte infinito. E o moi pánfilo burro remata os seus días comesto pola fame negra. Por reparado.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.