Na taberna Currás, un sábado calquera aí por onda as dez, toman cafés e cruasáns resesos Paco, Pío e Suqui. O triunvirato azul e branco trata os asuntos que pola súa transcendencia e complexidade escapan á democracia asemblearia de consellos locais e comarcais. Paco non é alto, Pío non é calvo e Suqui é todo o contrario.
[PACO]Estásenos indo o asunto das mans.
[PIO]De que asunto falas?
[PACO]De Rafa...Mira, aí o tés hoxe na contraportada do Xornal.. ¿que vos parece?
[SUQUI]Mal, a min paréceme mal...porque esa é a páxina de Clara C e Natalia A.
[PACO]¿E quen son esas dúas?
[SUQUI]Nada, Paco..déixao así. Son filósofas existencialistas.
[PACO]Pois ó que estamos...Xa saíu no Correo, no Galicia-Hoxe, no Faro de Vigo, na Peneira, no País, na Radio Galega...E agora no café de redacción do Xornal e no mesmiño IGEA... ¡Quen ía pensar cando o metemos en Vieiros que as cousas ían chegar tan lonxe!
[PIO]Pois estanos ben por rirlle as gracias.
[PACO]¿E nós que sabiamos? Pensabamos que o podiamos utilizar e xa estou por dicirvos que estanos utilizando el a nós.
[SUQUI]Pois eu non me preocuparía porque...
[PIO]Preocuparte ti...¡Aínda non foi o día!
[SUQUI]¿Como que eu? ¿Non che acabo de dicir que me parecía mal que lle deran a contraportada do Xornal? ¿Que mais preocupación queredes? O que quería dicir é que por moito que escriba, o certo é que non di nada..
[PACO]Eso diralo ti, porque os de Vieiros din que é o colaborador mais visitado. Moito mais ca ti, e non é por ofender.
[PIO]Morbo, moito morbo. Uns entran para ver o que pon e outros o que non pon...
[PACO]Pero segundo Suqui, como non pon nada, pois entrarían unha vez ou dúas, e logo deixarían de entrar. Pero a xente sigue entrando. ¿Por que? ¿eh?
[SUQUI]A cousa non é tan simple, Paco...porque quen che di a ti que un día vai e si di algo. Esa incerteza mantén firme a curiosidade da xente. Pero eu non me preocuparía, xa que o que ha pasar, ha pasar, e nós non o podemos coutar. Amais, xa non estamos no goberno...
[PIO]¡Santo Ceo! Creamos un monstro, e Deus queira non se volva contra nós.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.