De cada dez veces que se utilizan as palabras "nacionalista" ou "nacionalismo", en nove delas hai un retrouso de menosprezo e despeito, cando non de simple e puro odio. E unha alma cándida coma min podería preguntarse, ¿por que? ¿por que pode sentar tan mal que un queira reducir o número daqueles ós que considerar paisanos, compatriotas ou nacionais? ¿Existe algunha razón sobrenatural para que os grupos sexamos canto mais grandes mellor? ¿Economías de escala, quizais?
Nesas estaba esta alma cándida cando lembrei unha das ensinanzas do gran etólogo Konrad Lorenz. Nunha niñada de gansos na que aparecía un deles cunha cor distinta ós demais, eran os propios irmáns os encargados de perseguilo e peteiralo ata a morte. Lorenz explicaba a reacción asasina dos conxéneres na existencia dun mecanismo desencadeante innato no ganso en aras de protexer a uniformidade do grupo.
Polo que parece, os humanos aínda non perdemos todo o acervo de comportamento innato da etapa irracional. De feito, levamos moi costa arriba o feito diferencial, o raro, o especial, o distinto, o que non é lugar común. Porque algo na nosa borra xenética dinos que atenta contra a cohesión do grupo e fainos choutar coma se un resorte mecánico nos disparara. E afecta a todo tipo de grupos, xa sexan políticos, relixiosos ou de calquera índole social. Nunha comunidade católica perséguese, ignórase e desprézase a quen non o sexa; nunha comunidade caucásica ignórase, desprézase e perséguese a quen non o sexa; nunha comunidade heterosexual desprézase, perséguese e ignórase a quen non o sexa. E todo elo porque un musulmán, ou un negro ou un homosexual representan un atentado á cohesión do grupo respectivo.
Así o tema, a miña alma cándida comprende o por que os nacionalistas somos uns apestados, e aínda mais, entende a reacción innata e inevitable –no estado actual da ciencia médica- dos non nacionalistas, xa que supomos un perigo á integridade do grupo xa constituído. E só así podo asimilar as declaracións do viaxado –por terra, mar e aire- Sánchez Dragó feitas no xornal madrileño El Mundo o sábado 26, nas que cualificaba ós nacionalismos coma aberracións. E todo cadra, porque o Ir Indo -¡que suxerinte nome para un diccionario!- define a aberración como unha “desviación do que está considerado como normal ou natural por un sistema moral establecido”. ¡Pois mira que non viría aberracións o ghicho este polo mundo adiante! Cunha perversión engadida, pois coñecendo o animal, eu diría que ía na procura de aberracións, precisamente.
Chegados a este punto, e coma xa ando petando na porta dos cincuenta, non me dá o corpo para seguir levando unha dobre vida, así que teño que confesar e confeso que non me considero español nin o quero ser. Si, xa sei que na carteira teño un carné que me identifica como tal, pero contra eso non podo facer nada. Tamén non son católico, e sen embargo aínda figuro como apostólico e romano nos arquivos diocesanos. Cuestión de fe, ou como dicía o filósofo non seu galego afrancesado, "le coeur a ses raisons que la raison ne connaît point".
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.