Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

As cousas como son, aínda que non o parezan

12:00 14/08/2008

Alén da expresión dun loable desexo, dicir que a Xustiza é cega é afirmar algo tan evidente coma dicir que chove cara abaixo ou que Rafa Cuíña é nacionalista. Porque como tal convención social, a Xustiza carece de dimensión corpórea e, xa que logo, non ten nin pode ter ollos. E se non ten ollos, ademais de cega non pode ver, penso eu.

Sei que o día menos pensado, na estrada que une Antas de Ulla e Monterroso, un home vestido de verde sairá de detrás dunhas silveiras e vaime dar o alto; e cando chegue á casa, direille á muller: “Pilloume Tráfico ghiando sen mans”. “¡Era visto!” , dirame ela, amosándome así o seu incondicional e sempiterno apoio. Posiblemente ese mesmo día ou outro calquera, recibirei unha invitación por escrito da Conselleira de Cultura para asistir á voadura incontrolada do Chigre da Cultura, e poida que tamén teña que chamar ó Concello para informarme de como vai o tema da praza de gardería solicitada para a miña cativa.

Contadas así as cousas é coma se dera por sentado que existe algo chamado Tráfico, Concello, Conselleira de Cultura; e que ese “algo” semella ter vida, xa que fala, escoita, escribe e, por que non, pensa e decide. No caso de Tráfico, que veño de recoñecer que pegou un chimpo dende a silveira, as capacidades inclúen a mobilidade física. Semella, xa que logo, que nos atopamos ante seres vivos, de comportamento e formas “cuase-humanas”. E parece lóxico que así sexa xa que se trata de entes creados polo home á súa imaxe e semellanza. Compartirían categoría coas anteriores todas as institucións humanas, dende as máis simples e próximas –Asociacións de Mulleres do Rural, Comisións de Festas...- ata as mais complexas e etéreas –a Xustiza, a O.N.U., Can Barça-. Incluso Deus, a mais sublime convención social xamais creada, onde o creado crea ó seu propio creador, entraría no mesmo saco.

Pero ¿teñen vida propia? ¿Existen de seu? Non, por suposto. Vida propia tena Belarmino P.F., que fai de axente motorizado de Tráfico; e dona Ánxela Bugallo, que fai de Conselleira; e don Xosé Crespo e mailos concelleiros e mailos funcionarios, que todos xuntos fan de Concello de Lalín. Incluso unha pedra riba dun valado tamén existe de seu, aínda que a teñamos por unha vida perdida. Porén as Institucións non, elas viven de prestado, coma os bonecos dun titiriteiro.

Agora ben, que diga que detrás de cada institución ou convención social hai necesariamente persoas –una, varias ou moitas- non quita que recoñeza a utilidade desta superestrutura de entes incorpóreos, por medio da cal uns homes gobernan a outros de forma interposta. Seguramente para manter a paz social é mellor baixar os santos do ceo contra a Xunta e cagarse na nai que a pariu –por poñer un caso, que ben podía ser outro calquera-, que facelo contra persoas concretas, con nome, apelidos e domicilio habitual.

4,05/5 (37 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións