Cada quinta feira, dende o día 9, expertos dos dous lados do Atlántico participarán nos Coloquios euroamericanos.
O IGADI organiza durante o mes de outubro en Baiona os Coloquios euroamericanos, que contarán coa participación de diplomáticos, xornalistas, académicos e analistas. Dende o día 9, na Capitanía Maritima, cada xoves reflexionarase sobre os grandes temas que achegan e afastan América e Europa.
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional convidou relatores de Alemaña, Francia, Portugal, Arxentina, Bolivia ou Venezuela, que debaterán sobre democracia, cohesión social, a internacionalización ou a integración supranacional. Para levar a cabo os coloquios obtivo o apoio da Fundación Galicia-Europa, a Vicepresidencia da Xunta e mais o concello de Baiona.
Ademais, Radio Nederland emitirá entrevistas e programas sobre os coloquios para a súa audiencia en Europa, América Latina e os Estados Unidos.
O ciclo abrirano o xoves 6, ás oito do serán, Julia Schünemann, licenciada en Periodismo, Ciencias Políticas e Economía pola Universidade Ludwig-Maximilian de Munich e Coordinadora do Foro Europa-América Latina (FRIDE), e Lourdes Casanova, Membro do Euro Asia Centre for Comparative Management e profesora de Negocios en América Latina, INSEAD, Francia, que falarán sobre “Europa e América Latina nun mundo en transición”.
No parecer do IGADI, Baiona debe facer valer a súa potencialidade histórica en relación ao feito iberoamericano, un valor que lle asegura unha considerábel proxección internacional que hoxe desaproveita. Neste sentido, Xulio Ríos, director da entidade, confía en que a converxencia de vontades escenificada con este evento marque o inicio dun novo comezo que signifique a Baiona como capital cultural permanente euroamericana.