No acordo recoñécese a longa traxectoria do institito galego no estudo dos problemas asiáticos.
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) contribuirá, no marco do Mercosur, a favorecer as políticas de aproximación cara Asia, en especial ao establecemento de pontes entre ambos os dous continentes.
Esta colaboración da entidade galega especializada en relacións internacionais para o coñecemento do Mercosur na China é posíbel a través dun acordo asinado recentemente co organismo económico suramericano. Entre os obxectivos do convenio asinado atópanse o de acadar unha integración total, tanto no campo económico, como político, social, tecnolóxico e cultural.
O dito convenio entre o Mercosur e o IGADI contempla tamén a promoción de investigacións en áreas de interese común e o desenvolvemento de iniciativas tamén de interese para ambos os dous que favorezan os intercambios entre os países do Mercosur e os asiáticos. Entre outras novidades, a nova colaboración inclúe asimesmo o apoio a profesores, investigadores e estudantes interesados en temas relacionados coa integración.
No acordo explicítase ademais o recoñecemento da longa traxectoria de estudo do IGADI nos problemas asiáticos, en especial do mundo chinés, e tamén das eivas ligadas á integración latinoamericana. Desde Galiza e co apoio de Casa Asia, o IGADI xestiona o Observatorio español da Política Chinesa e a Rede Iberoamericana de Sinoloxía.