Co gallo da presentación do número 11 de Tempo Exterior, a revista do Instituto Galego de Análise e Documentación (IGADI), que dirixe Xulio Ríos, a Casa do Libro de Vigo acollerá, o 2 de febreiro ás 20 horas, unha mesa redonda sobre o voto da diáspora. Alí coincidirán o portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich; o deputado do PSdG, Abel Losada, e Aurelio Miras Portugal, do PP.
O IGADI entende que a vixencia e actualidade do voto da diáspora cobra importancia na política galega. "É por iso que, na actual conxuntura de cambio político en Galiza, resulta necesario discutir e analizar as posibilidades de que a diáspora galega poida dotarse de maiores e mellores mecanismos de participación política no porvir de Galiza", sinalan.
O debate centrarase nas propostas dos principais grupos parlamentares galegos sobre os mecanismos de participación política da diáspora galega. A natureza e repercusión do voto exterior é o tema central do Tempo Exterior Nº 11, principalmente dende as perspectivas israelita, portuguesa, caboverdiana, italiana e mexicana.
A iniciativa, organizada polo IGADI no marco das actividades do seu 15º aniversario, constitúe unha excelente oportunidade para que a sociedade galega coñeza a situación, as carencias e as propostas que se deben levar a cabo para mellorar e ampliar as garantías democráticas do voto exterior.