O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, que dirixe Xulio Ríos, participará este venres na 37 Asemblea Plenaria da Conferencia Internacional de Asociacións de Nacións Unidas que se reúne en Barcelona. Nacións Unidas: a nosa esperanza, o noso futuro, é o lema deste encontro que pretende servir de foro de reflexión sobre o momento actual da organización internacional nun tempo en que se agudiza a discusión entre os partidarios do seu mantemento como un piar básico do sistema de relacións mundiais e os seus detractores.
O
IGADI participou ademais nunha enquisa previa entre especialistas de todo o mundo sobre as posibilidades de que a ONU poida afrontar os retos da sociedade globalizada nun contexto onde os Estados Unidos detentan a supremacía da forza.
Neste encontro está prevista a participación, entre outros, de Jan Kavan, Presidente da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, ademais de numerosas autoridades do sistema onusino.