O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, vén de crear o Observatorio Galego da Lusofonía, OGALUS, unha iniciativa "que pretende tirar proveito da vantaxe comparativa que supón a afinidade lingüística para estreitar as relacións económicas, políticas, sociais e culturais cos territorios lusófonos". Para o IGADI este debe ser "un dos sinais de identidade do impulso exterior que precisa a nosa comunidade".
O OGALUS pretende chamar a atención da sociedade galega sobre as oportunidades que se poden derivar da afinidade lingüística, centrándoas nas posibilidades de carácter económico e comercial, auxiliadas polo apoio cultural, político e institucional. Igualmente, este Observatorio, que asentará na vertebración dunha potente rede de actores desta comunidade de países, procurará desenvolver actuacións que permitan a todos eles tomar unha maior conciencia do interese que Galiza pode ofrecer. O favorecemento de contactos bilaterais e multilaterais e a xeración de propostas de negocio e iniciativas políticas e socioculturais figuran entre os obxectivos do Observatorio.
O IGADI, que dende hai anos promove unha orientación da cooperación galega aos países de fala portuguesa do continente africano; ou desenvolve vínculos de diverso tipo con realidades como Brasil, a través da diáspora galega ou do contacto con intelectuais como Frei Betto, de recente visita en Galiza; ou que carrexa, de longa data, un amplo abano de intercambios con Universidades e centros de relacións internacionais de Portugal, aspira con este Observatorio a dar unha forma global a todos estes segmentos de actuación, incorporándoos á acción exterior de Galiza no marco dunha estratexia definida que tire un maior proveito do feito lingüístico.
O Observatorio da lusofonía do IGADI iniciou xa un seguimento completo da realidade política, económica e social dos países afectados, analiza o estado dos intercambios de Galicia con todos eles e elabora guías informativas dirixidas aos principais suxeitos e usuarios desta proposta.