Despois de dous anos traballando, o colectivo reabre o seu proxecto nunha convocatoria coa arela de novas incorporacións, propostas e iniciativas.
O Espazo Galego dos Països Catalans é un colectivo asembleario, formado por galegos e xente vinculada a Galiza, que pretende visibilizar a identidade galega dun xeito construtivo, fomentando a lingua e a cultura galegas nas súas diferentes manifestacións, co obxectivo de tender pontes entre Galiza e os territorios de fala catalá, e tamén co resto da lusofonía, e, por outra banda, facer unha análise crítica das problemáticas tanto da Galiza como da sociedade catalá.
Despois de dous anos de traballo, o Espazo Galego convoca e convida a unha xornada de reapertura, que pretende ser un punto de encontro e intercambio de ideas e experiencias.
O obxectivo desta Xornada de Reapertura é, como o seu nome indica, iniciar un proceso no que se pretende abrir o proxecto do Espazo Galego a novas incorporacións, novas propostas e iniciativas.
Nesta xornada farase unha breve presentación da asociación, desde os seus orixes e a súa historia -actos e campañas- co obxectivo de abrir un debate, que se pretende que sexa o máis aberto e participativo posible, sobre as liñas de acción a seguir, iniciativas e propostas.
O acto terá lugar o vindeiro sábado no Centre Transformadors de Barcelona, C/Ausias Marc, 60.
Estrutura da Xornada:
1. Presentación do Espazo Galego.
Orixes, principios ideolóxicos, actos e campañas.
2. Debate.
Preguntas, propostas, iniciativas.
3. Conclusións e peche.
Convocatoria de nova xuntanza.
Agardamos a vosa participación.
Máis información na web de Espazo Galego dos Països Catalans.
Xornada de reapertura de Espazo Galego
Sábado, 24 de novembro, 17 h
Centre Cívic Transformadors de Barcelona
Ausiàs Marc, 60