Alén das organizacións políticas parlamentarias, movementos sociais e entidades catalás promoveron a Plataforma "Pel dret de decidir", co gallo de intervir no contexto político aberto polo debate da reforma estatutaria. O Espazo Galego dos Països Catalans, como organización que manifesta nos seus principios ideolóxicos a participación na sociedade catalá, adheriuse á Plataforma e participa activamente nela. Informa Fco. Xabier Paradelo.
O Manifesto da Campaña, que leva por título "Somos unha nación e temos o dereito de decidir!", conta con máis de 350 adhesions de entidades sociais e políticas de ampla variedade ideolóxica: dende colectivos de defensa da lingua, entidades culturais, ecoloxistas ou feministas, ata movementos antiglobalización. Os partidos políticos participarían coma unha entidade máis, no marco dunha campaña aberta, plural e democrática.
Os asinantes consideran preciso que se garanta que as políticas que se executen dende as institucións estean acordes coas "aspiracións e necesidades do pobo catalán", do mesmo xeito que defenden, para ter un verdadeiro autogoberno, a necesidade de contar cunha auténtica soberanía fiscal e tributaria, competencias en relacións internacionais e cooperación. Tamén amosan a súa preocupación polo "clima hostil" promovido por "círculos antidemocráticos en contra das lexítimas aspiracións políticas e democráticas" de Catalunya.
A Campaña ten como referente a Assemblea de Catalunya, que hai 25 anos promovera o restablecemento da autogoberno, e a gran manifestación en defensa da autonomía, feitos que levarían a elaboración do histórico Estatut que agora se está a reformar.
Para amparar que "Som una nació i tenim el dret de decidir" a Plataforma convoca unha marcha en Barcelona o vindeiro 18 de febreiro. A manifestación ten previsto saír ás 17 h da Praza de España e rematar na Praza de Catalunya. Espazo Galego dos Països Cataláns, como entidade adherida, convida a galeguidade de Catalunya, colectiva ou individualmente, á adhesión á Campaña e á participación na marcha convocada.