Uns dez mil traballadores participaron está mañá nunha nova asamblea na Praza do Rei de Vigo onde ratificaron o preacordo acadado onte entre sindicatos e patronal. Logo de que os representantes sindicais explicaran o resultado das negociacións celebradas nas últimas horas coa patronal, os empregados decidiron desconvocar os paros que afectaban a máis de 23.000 traballadores na provincia de Pontevedra. A toma da decisión tivo que agardar ata a terceira votación xa que varios traballadores mostraron as súas dúbidas respecto aos resultados. Finalmente os sindicatos certificaron que os partidarios do preacordo triplicaban aos seus detractores. Agora, as negociacións continuarán durante os próximos días co fin de redactar o texto definitivo do convenio.
Logo da infructuosa asamblea de onte, os sindicatos volveron facer público o principio de acordo acadado coa patronal nunha nova asamblea celebrada na Prazo do Rei de Vigo. Desta vez, os traballadores si que ratificaron o borrador do convenio polo que a folga do sector quedou desconvocada desde este mediodía. O responsábel do metal da CIG, Miguel Anxo Malvido, explicoulles aos traballadores que coa sinatura do novo convenio lograrase acadar unha maior flexibilidade na contratación para correxir a eventualidade e os abusos. Pola súa parte, o secretario do metal de UXT, Xosé Antonio Álvarez, asegurou que os avances acadados non son mérito da mesa de negociación, senon da presión que os traballadores exerceron durante os últimos días.