Os sindicatos denuncian que non se están a cumprir as melloras asinadas hai un ano no referido á contratación de persoal fixo.
Os sindicatos CIG, UXT, CC.OO. e CUT sinalaron o 3 de maio como data de inicio dunha nova folga indefinida no sector, só un ano despois das mobilizacións que chegaron a paralizar practicamente a actividade industrial en toda Pontevedra.
Tal e como explica a Europa Press o responsábel do Metal de UXT, Xosé Antonio Álvarez, a convocatoria de folga responde ao incumprimento por parte dalgunhas empresas do artigo 8 do convenio, en que se estabelece a porcentaxe de traballadores indefinidos que deben ter as empresas.
Segundo o delegado sindical, a convocatoria podería ser revocada en caso de que as partes cheguen a un acordo, xa que hai unha xuntanza fixada para este luns co obxectivo de “acercar posturas”.
Mentres, desde as asociacións da patronal e os estaleiros, aseguran que o convenio se cumpre “na inmensa maioría dos casos”, e cualifican de “desproporcionada” a medida de convocar unha folga indefinida. Aínda así, recoñecen que unha empresa auxiliar do naval está a incumprir as condicións pactadas no convenio e animan os representantes dos traballadores a que a denuncien ante a inspección e os tribunais.