Se os concorrentes a estas eleccións cresen na súa propia mensaxe, o instinto de supervivencia aconsellaría tomar algunha medida especial. Porque os anuncios, aínda que garden inquietante parecido cos que prometen erradicar a caspa, asegúrano: de non nos mobilizar nas urnas, millóns de votos levarán unha forza de substrato fascista e ultracatólico ao parlamento europeo.
Velaí tedes o cabeza rapada, a señora homófoba, o antiabortista. Pero ao pasarmos a páxina do periódico vemos que a mesma formación capaz de sacudirnos a conciencia contra os Señores Malignos goberna con eles o País Vasco. E faino porque comparten, por exemplo, o empeño en chimpar da legalidade unha candidatura superando aquela idea prerromántica da separación de poderes.
O Réxime apóiase nas siglas que lle dan colorido sempre que acepten a imposibilidade práctica de mudalo (a teoría pode ser parte da paisaxe): Monarquía, Capital, confesionalismo encuberto e unidade da Nación garantida polas forzas armadas. Hai un Partido do Réxime que se organiza en fronte para negar un referendo sobre a forma de Estado e sobre a soberanía dos pobos. Iniciativa Internacionalista propón rescatar a democracia: libre determinación, xustiza social e a igualdade de xénero. O Partido do Réxime acusa a quen se mova demasiado cara á esquerda de esencialismo mentres retira as súas pancartas das avenidas e ordena o boicot nos medios de información.
Houbo un tempo en que a loita pola liberdade tiña un referente neste país. Agora fálasenos de pragmatismo, política real (son irreais as gandeiras esmagadas pola UE, os obreiros do metal, os executivos engordados con diñeiro público?) a cambio de clausurar unha das esquerdas máis fondamente transformadoras de Europa. Galicia deixa de nomearse como conflito e vai camiño de se converter en palabra-joker. Pero PP e PSOE levan flores aos nosos referentes –digo Avilés, Lorenzo Varela- forzados a asumiren os símbolos dun século e medio de combate ideolóxico.
Non hai Fin da Historia. As máquinas fumegan día e noite e cada milímetro ao que renunciemos será ocupado. Cando Iniciativa Internacionalista quedaba fóra da Lei aplaudiron o cabeza rapada, a señora homófoba, Mayor Oreja e os seus leais adversarios –deberían pensalo ben ao encargar un anuncio-. Foi máis doloroso o silencio que gardaron ante o Tribunal Supremo os mesmos que fatigan consignas de emancipación. Pouco futuro promete esconder as propias ideas por medo a perder votantes, aínda que ao mellor non se escondeu nada. Xa tanto ten: esta vez cremos o que di a tele -di que a liberdade está en xogo- e votamos o programa de mínimos de Iniciativa Internacionalista. Volveu a palabra ilusión a un proceso electoral.
Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.