Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Alecrín

10:15 28/05/2009

A falta de apoio obrigou a pechar Alecrín, Grupo de estudos sobre a condición da muller. Resulta indignante o silencio co que se asumiu o peche. Nada se esperaba dos tres partidos con presenza institucional –o labor de Alecrín facía visible a traxedia cotiá que se negan a recoñecer-, pero a nula reacción das plataformas sociais produce espanto.

Somos capaces de organizarnos con rapidez ante o que percibimos como retroceso colectivo. Cómpre preguntarse se a nosa representación ideolóxica do mundo non cede terreo xustamente alí onde a miseria está máis cerca, de feito tan próxima que preferimos pechar os ollos. Hai quen conta algún chiste.
   
A furgoneta de Alecrín viaxaba aos guetos urbanos da prostitución cargada con medicinas, preservativos, probas clínicas, axuda psicolóxica e sobre todo toneladas de traballo xordo de ducias de militantes. Dispoñía a asociación en Vigo dunha estrutura de pisos francos que servían como refuxio para mulleres –a maioría romanesas, brasileiras, africanas- salvaxemente agredidas, case sempre por redes internacionais. O traballo non só era xeneroso, senón cheo de riscos, desafiando simultaneamente a inhibición xudicial, a connivencia do noso sistema político e as ameazas das mafias.

Antonio Salas, pseudónimo co que se protexe un xornalista desas mesmas mafias da escravitude sexual, coñece ben o compromiso de Alecrín. Na súa obra El año que trafiqué con mujeres documentou, poñendo en perigo a vida, un feito non tan sorprendente: moitas “empresas” paralegais que se dedican a prostituír seres humanos están baixo o control de nomes e grupos vinculados á ultradereita nos que o propio Salas se infiltrara para dar ao prelo o estarrecedor Diario de un skin.

O imaxinario social sobre a prostitución é alarmante. Aparece un sorriso estúpido cando na conversa toca falar de “clubs” de estrada e certas argumentacións sobre o que se considera “opción voluntaria”, incluso “profesional”, se untan de progresismo. Pouco importa que a resposta sexa tan obvia como invariable: por que non recomendas esa “saída profesional” no teu ambiente próximo? Debemos anuncialo pola tele, programalo na escola? Vale de alternativa familiar ao paro? Cal é a mellor idade para decidilo?

A soa existencia de Alecrín -que sostiña demasiadas actividades para as relatar nesta columna- arrincaba o disfrace ao cinismo con que se asume que miles de mulleres sexan secuestradas e violadas cada día. A solidariedade segue tendo fronteiras de sexo, de clase e de nación. Non parece importarlle a moita xente.

3,78/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións