Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Non lapiden o votante

09:57 26/02/2009

Estoupou a crise: os potentados do mundo marcharon aos cuarteis de repouso, coma James Bond, cun daiquiri futurista na esquerda e un móbil na dereita. Efectos colaterais sacoden esta pequena colonia da sucursal do Imperio Maior.

Fiábase que o PP seguiría caendo ao ritmo que os nosos vellos, adoutrinados no pánico, coroan de flores os muros do adro e as urbanizacións funerarias do arrabalde. Hoxe un nicho na Coruña vén a custar o que unha casiña de pedra co teito esfragado na Galicia que se despoboa.

Aínda que a política non funciona igual ca o xadrez, en catro días botaremos mellor conta sobre a xestión destes catro anos. E o votante de esquerda (escolla o que escolla, ningún voto da esquerda real se fundiría en branco con antiabortistas, fumadores cabreados ou vítimas do botellón) observará un curioso diagnóstico.

Se perde o bipartito acusarano –acusarannos; ben habedes crer que non escribo aquí como candidato- de dividir en vez de sumar esquecendo o Gaiás, a gasificadora da ría de Ferrol ou o torpe idilio coa mesma prensa que esixe subvención a cambio de modelar ao seu antollo cada goberno na Xunta. Mais se a minoría reaccionaria non se beneficia da lei electoral, o ascenso de PSOE e/ou BNG interpretarase como vitoria da moderación. A amable lectora de Vieiros sabe traducir esa palabra en termos políticos.

Só tres adaxios pre/post electorais: un, Fraga foi desaloxado do Hórreo pola esquerda. Se esta se desmobiliza ou decide apoiar outras siglas, fagan o favor, non guinden croios contra o votante. Dous, no PP agarda un Alien con metabolismo de diñeiro rápido e xenealoxía de guerra. PP autóctono? Non tal. Se cadra queden alí galeguistas aos que moito medo lles pon fundar un partido sen iren da correa do amo madrileño: as gaivotas cagan encima, pero dan sombra. Tres, cómpre pactar, sabemos que neste contexto non ofrecen alternativa ningunha posicións innegociables.

Por iso, á marxe do que pase o 1-M (fóra do goberno hai pouco horizonte para Feixó, Quintana ou Touriño) a maioría asalariada precisa unha ferramenta de poder institucional. Ela, cando o PSOE abandonara Galicia á súa sorte –a sorte do fraguista Paco Vázquez-, foi a que votou masiva e inmoderadamente un programa que falaba de autodeterminación invocando o suxeito de todos os cambios históricos e culturais que tiveron lugar neste país.

4/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións