Asistimos a unha detención intencionalmente espectacular (a urxencia, as cámaras, as esposas... quen deseñou a escenografía?) dos concelleiros do PSdeG e de Terra Galega en Castro de Rei. As preguntas que se fan agora moitas persoas nese concello da Chaira refírense á estraña concepción do espazo e de tempo por parte do poder xudicial.
Cando falamos de corrupción adoitamos esquecer que a monarquía parlamentaria dispuxo que na chamada “transición” continuasen nos seus cargos grandes e pequenos nomes da política, dos tribunais e do exército. Decidiuse mirar para outro lado ante certas gravísimas imputacións deses mesmos cargos, por se fose pouco o feito de se manteren fieis a unha abxecta ditadura. Podemos supoñer que os arquitectos da II Restauración confiaban en que o peso das leis (as leis da Física, non as que regulan o crime contra a Humanidade) compensaría o novo réxime de forma natural co desembarco das xeracións criadas contra o franquismo ou case aleitadas xa no Estado de Dereito.
A realidade foi outra. Resulta doado detectar –sen ir moi lonxe, en Lugo- a inquietude da xente ante procesos xudiciais que semellan responder máis á oportunidade política ca á estrita aplicación da lei. Sería gravísimo que a comparecencia no banco dos acusados se dea só cando encaixa coma unha luva coa necesidade dalgún poder extraxudicial. Por poñer apenas un caso, tras anos e anos dese mandato que parecía inmune aos tribunais, as imputacións contra Cacharro Pardo chegaron casualmente no contexto da loita polo control do Partido Popular de Galicia.
Se repasan vostedes os libros de plenos dos concellos, os xornais, se simplemente se ateñen ao ruxe-ruxe sobre quen fai e quen manexa que tipo de cousas en cada comarca, o catálogo de presuntas prevaricacións, tráfico de influencias ou escuras concesións urbanísticas é tan grande coma o leito dos dez mil ríos que o tópico atribúe á nosa terra. Por iso para moita xente non é froito do azar que se abra un sumario precisamente agora e precisamente en Castro de Rei, un dos poucos consistorios da Terra Chá que quedaron fóra do control da dereita (interesa a acepción económica do termo) postfranquista.
Iso non exime a ninguén de responsabilidade, pero a simple sospeita de que se instrumentalice o poder xudicial a xeito de tirafondas e sen garantía de igualdade corrompe os cimentos de calquera democracia, incluso das que nacen con malformación conxénita. Pregunten no Caurel. E tampouco falamos de siglas: outro alcalde do PSOE que se negou repetidamente a cumprir unha Lei (a que certo xuíz decano dixo que conculcaría cando lle parecese) acabou de embaixador en Roma. No país do Gaiás, do conselleiro sobre o que pende unha falsidade documental, das oposicións amañadas, dos asesores millonarios, das edificacións sen licenza, dos discapacitados psíquicos carrexados desde un hospital ás urnas, dos incendios mafiosos, o espectáculo mediático-policial de Castro de Rei brilla coma un fogo fatuo a través da noite.
Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.